miércoles, 8 de junio de 2011

Esta mañá despedíronse os xa ex concelleiros do periodo 2007-2011

Foi durante o pleno de despedida da corporación municipal no que Estrella Vázquez leu unha emotiva carta de 'ata sempre'


Este sábado ás 11:00 horas terá lugar a constitución da corporación municipal 2011-2015 co previsible nomeamento de Manuel Regos como alcalde de Ordes

Esta mañá tivo lugar na Casa do Concello o pleno de despedida da lexislatura 2007-2011. Baixo a presidencia do seu alcalde-presidente Manuel Regos,  o pleno da corporación tivo como único punto da orde do día a aprobación da acta do pleno anterior, pero tamén serviu como despedida dos concelleiros salientes que son o seguintes: Polo Partido Popular, Teodosio Martino e José Luis Díaz Hermida; polo Partido dos Socialistas de Galicia, José Manuel Tobío; polo Bloque Nacionalista Galego, Ramiro Recouso e María Xosé Raña; e por Nova Alternativa, Manuel Astray e Juan Simón. O pleno de hoxe unicamente rexistrou a ausencia de este último xa ex concelleiro.

Pola súa parte, Estrella Vázquez, concelleira do Partido Popular, leu unha emotiva carta de despedida aos concelleiros saintes que a continuación reproducimos:


A concelleira popular Estrella Vázquez Varela.
Agradecemento aos concelleiros que se van

Por Estrella Vázquez, concelleira do Partido Popular de Ordes

Hoxe, no derradeiro pleno desta lexislatura, quixeramos despedirnos tamén dos compañeiros de corporación que non van a acompañarnos na próxima lexislatura a partir do vindeiro sábado.

Por iso, neste momento, quero deixar constancia e agradecer publicamente o traballo e a dedicación do noso compañeiro Teodosio Martino, logo de vintecatro anos formando parte da corporación ordense. Os primeiros vinte como alcalde, e os catro últimos como o noso voceiro municipal. Hoxe deixa esta corporación na que o vamos estrañar os que ó seu carón fomos formándonos politicamente. Cun xeito tan peculiar de facer as cousas, sempre contento, sempre con cara amable, sen horarios. Martino estivo a disposición dos veciños a calquera hora e día do ano.

Efectúo este agradecemento en nome propio e sobre todo no  de todos os militantes e simpatizantes do Partido Popular. Tamén no de moitos veciños anónimos, que sen ter un significado político, si recoñecen a traxectoria de Teodosio Martino que durante dúas décadas soubo ser o alcalde de todos, sen reparar en siglas, ideoloxías nin amizades particulares. 

Grazas, Martino, porque deixas o listón moi alto, tanto polos resultados da túa xestión que están á vista de todos, como pola túa capacidade de diálogo. Fuches, como dixen, alcalde de todos e para todos; sempre disposto a falar coa xente, a escoitar aos veciños, fose cal fose o problema. Aínda que en moitas ocasións tiveses que escoitar críticas acedas, sempre as  escoitabas, e iso di moito de ti como persoa e como político. 

Contigo Martino, todos o sabemos, en Ordes fixéronse moitas obras útiles para uso e disfrute de todos os veciños. Pero, ao mesmo tempo soubeches deixar as contas cadradas e saneadas. Son virtudes que te honran e que todos che agradecemos e recoñecemos.

Xuntos pasamos épocas difíciles e outras cheas de ledicia. Eu tiven a sorte de compartir contigo estes últimos oito anos, polo que o meu agradecemento tamén por contar comigo. Sempre serás recordado como o alcalde do pobo, o alcalde que sempre tiña as portas abertas para quen quixera entrar. Moitas grazas pola túa dedicación e amizade.

Tamén quixera agradecer ó resto dos compañeiros o tempo que compartimos durante estes últimos anos, pero permitídeme que en especial me lembre de Ramiro Recouso, porque por riba das diferenzas ideolóxicas que nos separan, en Ramiro atopei sempre un home de palabra, unha persoa íntegra e con principios, sempre poñendo o sorriso nas nosas caras coas súas verbas cheas de retrancas. A partires de agora isto non vai a ser o mesmo sen ti. Pero sobre todo dentro e fora da política atopei un amigo que espero conservar por moito tempo. Grazas por estar aí.

A todos, moitas grazas compañeiros porque sei que de corazón, todos vos esforzastes cada día para construír un Ordes mellor.

Corporación 2011-2015
O pleno de presentación da corporación municipal do Concello de Ordes para o periodo 2011-2015 terá lugar este sábado 11 de xuño ás 11:00 horas no salón do plenos da Casa do Concello de Ordes. A asistencia aos plenos municipais é libre e gratuíta.