lunes, 30 de noviembre de 2009

A Xunta aproba o escudo e bandeira oficiais da nosa Mancomunidade

.
A cor verde ten o protagonismo en ambas heráldicas

Pretenden simbolizar a nosa riqueza forestal, agrícola e gandeira

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes conta dende hoxe con escudo e bandeira oficiais. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado 26 de novembro os Decretos 415/2009 e 416/2009 polos que se aproban o escudo e a bandeira oficiais da Mancomunidade, que foran aprobados polo pleno desta entidade supracomarcal o pasado mes de marzo.

Deste xeito, e de acordo co reflectido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, o escudo da Mancomunidade de Municipios de Ordes é unha ponte de ouro a dúas augas de sete ollos, mazonada, sobre ondas de prata e azur superado dun carballo de ouro froitado de sete landras de gules. Todo elo con coroa real pechada. A ponte cos seus sete ollos simboliza a unión dos sete concellos que conforman a Mancomunidade (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). As ondas de azur e prata representan o río Tambre e os seus afluentes. A cor sinople e o carballo de ouro lembran a riqueza forestal, agrícola e gandeira da comarca ordense mentras que as sete landras de gules identifícanse con cada un dos termos municipais.
.
Carballo e a cor verde
No que atinxe á bandeira, a Comisión de Heráldica da Xunta escolleu un pano verde cun carballo amarelo froitado de sete landras en vermello. Neste caso, o carballo e a cor verde lembran a riqueza forestal, agrícola e gandeira da comarca ordense, mentras que os concellos están simbolizados nas sete landras en vermello da árbore.