Tanto o PP coma o PSOE e o BNG remitiron comunicados de prensa de lamento polo pasamento do fillo predilecto da vila de Ordes
O alcalde previsiblemente lanzará mañá o seu pésame oficial
Comunicado do Partido Popular de Ordes
O Partido Popular de Ordes quere expresar publicamente o seu fondo pesar polo falecemento de Juanjo Liñares, no día de onte en Madrid, e recordar no triste día do seu pasamento a este insigne veciño da nosa vila, a quen hai dezaoito anos a Corporación do Concello de Ordes, coa presidencia de Teodosio Martino, lle quixo recoñecer a súa valía outorgándolle a Medalla de Ouro do Concello e a designación de Fillo Predilecto.
Sabemos que dende que deixou a nosa vila para adicarse ás múltiples actividades como coreógrafo e bailarín, en todas as súas viaxes arredor do mundo, sempre levou moi presente o nome da vila que o viu nacer. Por iso quixo que eses recordos que foi acumulando nas súas viaxes viñesen a parar a ela, onde coa creación do Museo do Traxe volvemos rendirlle outra homenaxe que desgraciadamente non puido ver rematada.
Con profundo pesar, gustaríanos amosar neste día unha expresión alegre, porque sabemos que o camiño que onte escomenzou voltará a estar marcado polas notas da música galega ó compás do son do seu grupo 'Sementes do Arte', que fará que os seus pés sigan danzando na eternidade nun soño que non rematará.
Co noso cariño, descansa en paz
Condolencias do PSdG-PSOE de Ordes
Neste emocionado día do pasamento do fillo predilecto de Ordes, o folclorista Juanjo Liñares , os afiliados e simpatizantes do Partido Socialista de Galicia en Ordes queremos transmitir o noso máis sinceiro afecto e cariño á familia e achegados a esta figura insigne das artes galegas e españolas. Dende o PSdG queremos tamén lembrar o impulso que dende o grupo municipal socialista se lle deu á figura e á traxectoria artística de Juanjo Linares impulsando a través dunha moción aprobada polo Pleno municipal, a creación do Museo Juanjo Liñares. Un espazo de cultura onde lembraremos co máis solemne apego a esta figura capital das artes. Pese a vivir en moi diferentes lugares do mundo, o nome de Juanjo Liñares está indisolublemente unido ao da nosa vila de Ordes, quen lle otorgou a súa Medalla de Ouro en 1991.
Hoxe faleceu Juanjo Linares, pero non todo debe ser un lamento. O seu legado, aquello que nos fai inmortais fronte á historia permanecerá imborrable para sempre nos ordenses.
Descanse en paz, Juanjo Liñares, inmortal artista.
Pésame do BNG de Ordes
O BNG de Ordes quere expresar a súa máxima dor pola morte do fillo predilecto do Concello de Ordes, o bailarín e coreógrafo Juanjo Liñares, quen faleceu no hospital madrileño da Concepción tras unha intervención quirúrgica, e transmitir o afecto e a solidariedade a toda a súa familia co recoñecemento do que supuxo a figura de Juanjo Liñares, quen cun traballo desprendido e xeneroso ten levado o nome do Concello de Ordes por toda a xeografía do Estado.
O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, expresou a súa consternación polo falecemento de Juanjo Liñares e transmitiu á familia o agarimo de todos os militantes e simpatizantes do BNG de Ordes a unha das personalidades máis importantes e recoñecidas da historia do noso pobo.
Foto: Juanjo Liñares (arquivo El Correo Gallego)
*