domingo, 22 de noviembre de 2009

Adega alerta de que o vertedoiro da Areosa está a piques de adentrarse no municipio de Ordes

.
Os ecoloxistan sosteñen que a xestión dos residuos que se está a facer na actualidade "dista moito de ser medioambientalmente sostible"

A asociación ofrecerá unha charla onde se falará da problemática de ampliación do vertedoiro de Cerceda

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) ofrecerá o vindeiro mércores 25 ás 21 horas unha conferencia no restaurante El Túnel onde se tratará a problemática derivada dos residuos, os distintos modelos de xestión e as posibles consecuencias que suporá esta ampliación sobre a comarca.

Segundo informa a asociación ecoloxista, "o vertedoiro da Areosa foi aberto no ano 1996 como medida provisional para almacenar residuos da planta de Sogama, pero, na actualidade, vai camiño de converterse no vertedoiro da meirande parte do país, o que supón que os impactos sobre o medio ambiente e a saúde pública continúen incrementándose considerablemente".

Verquido nos ríos
Para Adega, feitos constatados como o verquido de lixiviados aos ríos colindantes, o enterramento de medicamentos, ou mesmo os incendios que se teñen declarado no propio vertedoiro, non fan máis que poñer de manifesto que a xestión dos residuos que se está a facer na actualidade dista moito de ser medioambientalmente sostible.

Dende a delegación Ordes-Cerceda de Adega, consideran que o perigo que se cerne sobre a comarca coa extensión deste vertedoiro, que xa está a piques de superar os límites do Concello de Cerceda e adentrarse no municipio de Ordes, é de enorme envergadura, polo que consideran prioritario a posta en común de posíbeis actuacións, para que a cidadanía reaccione antes de que os danos medioambientais e de saúde pública sexan irreversibles.

*