viernes, 6 de noviembre de 2009

Regos e Pedreira solicítanlle a Juárez que una as novas pistas das parcelarias de Vilamaior e Barbeiros cos viais xa existentes

.
Os dirixentes ordenses entrevistáronse o mércores en San Caetano co conselleiro do Medio Rural

Pedreira: “En decembro de 2008 xa nos reunimos cos propietarios dos terreos afectados polas concentracións parcelarias de Vilamaior e Barbeiros, que nos presentaron unha relación de 46 pistas a abrir para poder acceder debidamente a todas as fincas”

O alcalde Manuel Regos, e o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural, Xesús Pedreira, reuníronse o pasado mércores co conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, para solicitarlle a conexión das novas pistas das parcelarias de Vilamaior e Barbeiros cos viais xa existentes na zona. “Trátase de unir as novas pistas da concentración coas vellas, que quedan como a vinte ou cincuenta metros”, explica Xesús Pedreira, “xa que esta unión sería moi importante para os veciños e veciñas destas parroquias, que poderían circular moito mellor pola zona”.

Regos e Pedreira informáronlle ao conselleiro de que xa lle entregaran un informe completo ao xefe territorial de Medio Rural en A Coruña nunha entrevista previa e lembráronlle a importancia de que a decisión se tome canto antes, pois nestes momentos se están a abrir algunhas destas pistas. Manuel Regos destacou “a boa receptividade do conselleiro ás propostas do Concello de Ordes” e explicoulle que a correcta execución desta red secundaria de camiños “vai ser fundamental para o desenvolvemento destas dúas parroquias”.

“En decembro de 2008 xa nos reunimos cos propietarios dos terreos afectados polas concentracións parcelarias de Vilamaior e Barbeiros”, lembra Xesús Pedreira, “que nos presentaron unha relación de 46 pistas a abrir para poder acceder debidamente a todas as fincas”. Un mes despois, en xaneiro de 2009, o Concello lle pedira á anterior dirección da Consellería do Medio Rural que enlazara as pistas xa existentes, correspondentes á antiga concentración, coas que se van a abrir da nova parcelaria para evitar que queden incomunicadas.
.
Unha desbrozadora para Ordes
Así mesmo, Manuel Regos e Xesús Pedreira aproveitaron o encontro para solicitar da Consellería do Medio Rural unha desbrozadora para o municipio. “Para Ordes é fundamental ter unha maquinaria axeitada, sobre todo tendo en conta o estado dos nosos tractores e que agora que as axudas para desbrozar camiños son menores”, explicou Pedreira Mirás. Finalmente, o alcalde e o concelleiro de Medio Rural invitaron a Samuel Juárez a visitar o Concello de Ordes nunha próxima data.

*