martes, 24 de noviembre de 2009

O BNG presenta unha emenda aos orzamentos da Xunta para incluir dous millóns nas concentracións parcelarias

Castro: “O BNG apoia a recollida de sinaturas que están a levar a cabo os veciños de Barbeiros e Vilamaior para que se rematen os traballos pendentes”

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou que a súa formación política ten presentado no Parlamento de Galicia unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o 2010 para incluir unha partida de dous millóns de euros destinada ás concentracións parcelarias de Ordes, xa que se trata, segundo Castro, "de actuacións moi importantes para o desesenvolvemento socioeconómico do noso concello”.

O nacionalista lembrou que no último pleno da corporación municipal o BNG presentou unha moción na que se instaba á Xunta de Galicia a acometer todos os investimentos aprobados o ano pasado pola Consellería do Medio Rural. Propoñían tamén que o Pleno reclamase un plan de investimento da Xunta para as concentracións parcelarias de Ordes que permitise ter rematadas na súa totalidade todas as concentracións abertas no Concello no primeiro semestre de 2011, tal e como tiña previsto a Consellería do Medio Rural do anterior goberno da Xunta. Esta moción foi rexeitada cos votos do grupo de goberno e do PP.

Barbeiros-Vilamaior
No caso concreto da concentración parcelaria de Barbeiros-Vilamaior, o BNG reclamaba que se executase a totalidade das obras aprobadas polo anterior goberno da Xunta nun prazo de tres meses, xa que si se retrasa máis a execución das obras, segundo o portavoz municipal do BNG Gonzalo Castro, “correse o perigo de perder a inversión de 700.000 euros aprobada para este ano pola anterior Consellería do Medio Rural”. Por outra banda, Castro afirmou que “o BNG apoia a recollida de sinaturas que están a levar a cabo os veciños destas dúas parroquias para que se rematen os traballos pendentes”.

As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
"Lamento que o alcalde e o PP, en lugar de defender os intereses dos veciños, se unan para defender ao Goberno da Xunta, amparando que non se teña incluido no proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010 ningún investimento para as concentracións parcelarias de Ordes"

“O BNG seguirá a traballar para que se rematen todas as concentracións parcelarias de Ordes

"Emplazo ao Goberno Municipal e ao PP a deixar a un lado os intereses partidistas e sumarse á defensa dos intereses dos veciños de Ordes, que están reclamando que se rematen coas concentracións parcelarias”

*