.
Para a organización xuvenil do BNG, "é indispensábel que esta medida de apoio aos mozos e mozas do concello se manteña"
Reclaman máis apoio e colaboración do Concello cos estudantes
Galiza Nova de Ordes informa hoxe a través de nota de prensa, do interese en amosar a súa preocupación pola ausencia da convocatoria de axudas por desprazamento a estudantes por parte do goberno municipal, "cando en anos anteriores, por estas datas, xa tiña finalizado o prazo de presentación de solicitudes".
Estas axudas, informan dende a organización xuvenil do BNG, "beneficiaban a un gran número de persoas, xa que podían ser solicitadas por todos aqueles estudantes de ensino secundario obrigatorio, bacharelato, ciclos formativos e universitarios que tiveran o seu centro de ensino a máis de 4 km do lugar de residencia".
Para a organización xuvenil nacionalista "é indispensábel que esta medida de apoio aos mozos e mozas do concello se manteña, non só porque se trata dunha das únicas iniciativas do goberno municipal para a mocidade, senón porque é agora, nun contexto económico marcado pola crise, cando os máis novos necesitan máis apoio e colaboración para poder continuar cos seus estudos".
*