viernes, 27 de noviembre de 2009

A Casa de Cultura se encheu de rapaces na primeira sesión de Cinensino

.
Miguel Prado: "Este programa pretende que reflexionedes sobre a problemática das drogas e da importancia de que manteñades unha actitude responsable ante a vida"

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Miguel Prado Patiño, inaugurou esta mañá a primeira sesión do programa de prevención fronte ás drogas “Cinensino 2009-2010”, que reuníu a 313 rapaces de toda a comarca ordense no auditorio da Casa da Cultura de Ordes. “Un programa que levamos facendo con éxito xa varios anos”, explicou Prado Patiño, “e que pretende que, ademais da diversión de poder ver unha boa película, reflexionedes sobre a problemática das drogas e da importancia de que manteñades unha actitude responsable ante a vida, sendo conscientes das consecuencias das vosas accións”.

Prado Patiño estivo acompañado pola técnica de Prevención de Drogodependencias da Mancomunidade, Mónica González, quen foi a encargada de traballar cos rapaces unha vez finalizada a proxección do filme. Unha película, 'City of Ember', coa que González traballou a conveniencia de que todos os rapaces saiban xulgar as situacións nas que se vén involucrados, para así poder anticipar as consecuencias dos seus actos e, en consecuencia, poder tomar as decisións máis axeitadas.

Nesta primeira sesión de 'Cinensino' participaron un total de 313 alumnos e 24 profesores de centros educativos de 1º e 2º da ESO dos municipios que integran a Mancomunidade de Ordes (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo), divididos en dúas sesións (ás 10:00 e ás 12:00 horas, respectivamente). “Cinensino 2009-2010” está organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependecias da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e financiado póla Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables a través do Servizo de Drogodependencias e Trastornos Adictivos da Consellería de Sanidade.

*