viernes, 27 de noviembre de 2009

Sogama repite convenio con Ordes


Superará os 100.000 euros e estará destinado a múltiples programas medioambientais

Luis Lamas asegura que non será o último e se ofrece á colaboración co benestar dos ordenses

O alcalde Manuel Regos, e o presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) Luis Lamas, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a realización de iniciativas que contribúan á conservación do patrimonio natural do municipio e ao seu crecemento económico, xerando ao tempo riqueza e emprego entre os veciños e veciñas de Ordes polo que Sogama comprométese a investir máis de 100.000 euros no municipio de Ordes.

Novas zonas verdes, parques infantís e sendas naturais
Xesús Pedreira anunciou que o novo convenio seguirá avanzando “na habilitación de novas zonas verdes, na construción de parques infantís e sendas naturais que redundarán no benestar e na calidade de vida da cidadanía de Ordes”. O concelleiro de Medio Ambiente explicou que grazas a este convenio poderá pontenciarse o uso de bolsas biodegradables no sector comercial ordense, “unha iniciativa que levamos realizando varios anos con éxito e coa que dende o Concello de Ordes tentamos axudar aos nosos comerciantes para que abandonen as bolsas de plástico, que tardan séculos en descompoñerse e son un risco para o medio ambiente”.

Ademais, de cara tamén ao sector empresarial ordense, o convenio incluirá como novidade a realización dun labor de asesoramento ás empresas para que podan minguar a súa produción de residuos. Unha campaña especial que estará incluída dentro do programa “Ordes recicla”, co cal o Concello de Ordes está a realizar importantes campañas de concienciación ambiental entre todos os veciños e veciñas do municipio.

Finalmente, ao abeiro deste convenio de colaboración o Concello de Ordes e Sogama tamén permitirán, un ano máis, a realización de distintas actividades naquelas datas destacadas do calendario medioambiental (Día da Árbore, Día do Auga, Día do Medio Ambiente...). Así mesmo, potenciarase o programa de compostaxe “de xeito que chegue a todos os puntos do rural e tamén ás persoas da zona urbana con horta”, explica Pedreira.

Os dous anteriores convenios, asinados en 2008 e 2007, permitiron a construción do parque infantil e de maiores 'Pilar Martínez Viqueira', a rehabilitación de varias fontes e o seu entorno (no Mesón do Vento, en Cabeza de Lobo –Ardemil- e na costa de Santa Cruz) e a construción de “illas verdes” en varias parroquias de Ordes (instalacións conformadas por contedores para a recollida de papel, vidro, envases lixeiros e residuos orgánicos), entre outras accións.

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Facemos un balance moi positivo dos resultados acadados con este convenio o ano pasado, coas campañas de concienciación ambiental e a rehabilitación dalgunhas fontes"

"Agradecemos a colaboración de Sogama no noso obxectivo de facer un Ordes máis sostible

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
"Agradecemos a Luis Lamas que a pesar da crise económica manteñan un convenio moi importante para o Concello de Ordes, pois permítenos facer obras e actividades medioambientais que por nós sos, dende o Concello, seguramente non poderiamos facer”

A frase de Luis Lamas, presidente de Sogama
"Este terceiro convenio asinado hoxe non será o último e espero que dure moitos anos pois estamos abertos a calquera colaboración que redunde en beneficio dos cidadáns de Ordes”


*