jueves, 19 de noviembre de 2009

Unhas xornadas sobre a violencia de xénero traerán ata a Casa do Concello a un nutrido grupo de especialistas

.
Participarán médicos, psicólogos, policías, políticos e un fiscal

A participación é gratuíta, pero require inscrición previa no CIM de Ordes (Tlf. 981 682108)

O Concello organiza unha xornada formativa dirixida a equipos de apoio ás vítimas de violencia de xénero, que terá lugar o vindeiro xoves 26 de novembro (de 16:30 a 20:30 horas) no salón de plenos da casa consistorial ordense.

Unhas xornadas que tratarán o tema da violencia de xénero dende diversos puntos de vista: o psicolóxico, a intervención sanitaria e o papel da Xustiza e das forzas da orde fronte á violencia de xénero. A participación é gratuíta, pero é necesaria inscrición previa no Centro de Información á Muller do Concello de Ordes ou a través do teléfono 981 682 108.
.
Xornadas formativas
Avelina Piñeiro Saloria, psicóloga clínica e forense, falará sobre o maltrato psicolóxico como forma de control e poder do maltratador sobre a muller. Pola súa banda, María Sol Rodríguez Calvo, médica forense da Universidade de Santiago, tratará sobre o papel da sanidade na violencia de xénero e todo o que pode facer na súa detección, valoración e intervención.

Finalmente, José Manuel Sánchez Murias, xefe da Unidade Orgánica da Policía Xudicial na Coruña, presentará o procedemento de actuacións da Garda Civil contra a violencia de xénero. As xornadas serán clausuradas coa charla de Manuel Ángel Cobas Otero, fiscal sustituto do Xulgado de Santiago, sobre as actuacións da xustiza diante da violencia de xénero.

As xornadas, organizadas pola Concellería de Servizos Sociais de Ordes e a Secretaría Xeral da Igualdade, serán inauguradas por María del Pilar González Díaz, xefa de servizo de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno da Coruña. Un acto no que estará acompañada polo alcalde de Ordes, Manuel Regos, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Álvarez.

A frase de Ana Alvarez, concelleira de Servizos Sociais de Ordes
"Estas xornadas pretenden profundizar na formación dos distintos profesionais que traballan no ámbito do apoio ás vítimas da violencia de xénero na comarca de Ordes”

*