martes, 24 de noviembre de 2009

Pioneiros en Galicia na 'ciber loita' contra a violencia machista

.
O Concello impulsa unha web que permitirá ás vítimas e ao seu entorno ter acceso directo ao CIM dun xeito anónimo e confidencial

Ana Alvarez: "Servirá para informar e sensibilizar sobre a violencia de xénero"

O Concello de Ordes conta dende hoxe cunha nova ferramenta na loita contra a violencia de xénero pioneira en Galicia: unha plataforma na Internet (http://www.ordessenviolencia.org/) que facilitará a atención ás vítimas da violencia de xénero e permitirá unha mellor coordinación entre os distintos equipos de apoio ás mulleres e que crearon en 2008 o “Protocolo de actuación para a atención integral das vítimas da violencia de xénero” (Garda Civil, Policía Local, Centro de Saúde, Xulgado e servizos sociais municipais).

Se trata dunha das primerias plataformas deste tipo a nivel nacional que servirá “para informar e sensibilizar á poboación sobre a violencia de xénero e para garantir un espazo de comunicación entre todos e todas os profesinoais de Ordes que atenden a vítimas de violencia”, explica a concelleira de Servizos Sociais, a socialista Ana Álvarez.

“Existen dúas maneiras de facer as consultas”, apunta Nazaret González, directora do CIM, “de maneira anónima ou pesoalizada, é a propia persoa a que decide se manter ou non o anonimato, sempre garantindo a confidencialidade das consultas”. Así, se a persoa que enche o formulario na web deixa o seu mail, responderáselle de xeito confidencial a ese correo. Se, polo contrario, non dá ningún dato, o CIM responderá á consulta no apartado “Preguntas frecuentes”.

Zona aberta e intranet
A nova plataforma web está composta por dous apartados moi diferenciados: unha zona aberta a todo o público e unha intranet para os profesionais relacionados coa violencia de xénero. A zona aberta ao público é un portal de sensibilización e información para a poboación en xeral, na que hai información útil relacionada coa violencia de xénero (programas, recursos, lexislación, documentación, etc). Ademais, conta con tres espazos reservados con información específica para tres colectivos: mulleres, homes e menores.

No apartado de menores informarase dos recursos aos que poden acceder os pequenos no caso de ser vítimas ou testemuñas da violencia, mentras que no apartado de mulleres colgarase información de interese para as vítimas. Finalmente, no apartado dos homes “habilitaremos un espazo para que os homes que teñen problemas de control e son, ou poden chegar a ser, violentos coñezan os recursos aos que poden acceder”, explica Nazaret González.

Por último, a intranet desta plataforma está reservada para os profesionais que asinaron o protocolo contra a violencia de xénero (Garda Civil, Policía Local, Centro de Saúde, Xulgado e servizos sociais municipais).

Campaña de sensibilización
Ademais da presentación desta plataforma, a Concellería de Servizos Sociais de Ordes ten programado para mañá mércores, Día Internacional contra a violencia de xénero, unha campaña de sensibilización dirixida a toda a poboación ordense. Repartiranse peonzas entre todo o alumnado dos centros educativos de infantil e primaria de Ordes, calendarios entre os rapaces de secundaria, bacharelato e formación profesional, así como material dirixido á poboación en xeral moi vencellado á poboación en xeral.

A campaña completarase cunha cuña publicitaria, emitida a través de Radio Ordes, e a distribución de carteis polo municipio. “O obxectivo é que as vítimas e as súas familias sinta de maneira especial o apoio da sociedade ordense nestas datas e que a propia sociedade teña presente a realidade da violencia contra as mulleres”, explicou Ana Álvarez.

Xornada formativa
A concelleira de Servizos Sociais aproveitou tamén para lembrar que este xoves, 26 de novembro, Ordes acollerá unha xornada formativa denominada “Equipos de apoio ás vítimas da violencia de xénero” na que participarán profesionais de todos os ámbitos que interveñen nestes casoso: xudicial, sanitario, seguridade e servizos sociais. A xornada terá lugar o xoves 26 de novembro, de 16:30 a 20:30 horas.

Nestas xornadas participarán Avelina Piñeiro Saloria, psicóloga clínica e forense, que falará sobre o maltrato psicolóxico como forma de control e poder do maltratador sobre a muller; . María Sol Rodríguez Calvo, médica forense da Universidade de Santiago, que tratará sobre o papel da sanidade na violencia de xénero e todo o que pode facer na súa detección, valoración e intervención; José Manuel Sánchez Murias, xefe da Unidade Orgánica da Policía Xudicial na Coruña, que presentará o procedemento de actuacións da Garda Civil contra a violencia de xénero; e Manuel Ángel Cobas Otero, fiscal sustituto do Xulgado de Santiago, que disertará sobre as actuacións da xustiza diante da violencia de xénero.

A frase de Ana María Alvarez, concelleira de Servizos Sociais de Ordes
"Servirá para informar e sensibilizar á poboación sobre a violencia de xénero e para garantir un espazo de comunicación entre todos e todas os profesinais de Ordes que atenden a vítimas de violencia”

As frases de Nazaret González, directora do Centro de Información á Muller (CIM) de Ordes
"Para unha vítima de violencia de xénero dar o primeiro paso para pedir información é moi difícil, polo que esta plataforma lle ofrece a vantaxa do anonimato e tamén de dispoñer dunha información totalmente actualizada"

"Na web xa están colgada información sobre como actuar ante un caso de violencia cunha amiga ou unha filla, por exemplo”

*