viernes, 13 de noviembre de 2009

Os nacionalistas solicitan un pleno extraordinario co gallo das concentracións parcelarias

.
Pretenden dende o BNG que o Pleno inste á Xunta a que execute as obras aprobadas polo Bipartito

O BNG de Ordes ven de presentar unha solicitude de pleno extraordinario para tratar os problemas na execución das Concentracións Parcelarias de Ordes. Os nacionalistas propoñen que o Pleno inste á Xunta de Galicia a acometer todos os investimentos aprobados o ano pasado pola Consellería do Medio Rural, esixindo que se rematen nun prazo de tres meses os traballos que se atopan pendentes nas concentracións parcelarias de Barbeiros-Vilamaior, Buscás e Montaos.

Así mesmo, o BNG propón que o Pleno Municipal reclame á Xunta que se executen todas as obras aprobadas pola Consellería do Medio Rural, na anterior lexislatura, para as concentracións de Parada, Lesta-Mercurín e Beán-Pereira e que se aprobe un plan de investimento para as concentracións parcelarias de Ordes que permita ter rematadas na súa totalidade todas as concentracións parcelarias abertas no noso Concello no primeiro semestre de 2011, tal e como tiña previsto a Consellería do Medio Rural do anterior goberno da Xunta.

As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Na pasada lexislatura, a Consellería do Medio rural investiu en Ordes máis de seis millóns de euros destinados ás concentracións parcelarias, o que permitiu a entrega de cinco concentracións e importantes avances nas restantes, co obxectivo de rematar e entregar todas, como moi tarde, no primeiro semestre de 2011

“Co proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010, onde non existen partidas destinadas a investimentos para as concentracións parcelarias de Ordes, o que demostra a falta de vontade do PP de rematar coas mesmas

“O BNG ten levado a cabo reunións cos veciños afectados polas concentracións parcelarias, para analizar o grado de execución das actuacións aprobadas na pasada lexislatura, e temos constatado que o ritmo de execución das mesmas por parte do actual goberno da Xunta é moi lento, quedando camiños sen abrir e sen rematar o deslinde e amolloamento das parcelas de reemplazo, ademáis de recursos sen resolver”

“Temos recollido as peticións dos veciños e esixiremos ao goberno de Feijóo que execute a totalidade da inversión aprobada polo anterior goberno da Xunta de Galiza, e que aprobe un plan de investimento que permita o remate e a entrega de todas concentracións parcelarias de Ordes, xa que se trata de actuacións moi importantes para o desenvolvemento socioeconómico do noso concello

Foto: Reunión recente do BNG de Ordes cun grupo de veciños de Vilamaior.

*