miércoles, 11 de noviembre de 2009

Ordes, primeiro concello da provincia que participará nun programa de compostaxe doméstica do Ministerio de Medio Ambiente

.
O programa estará aberto a todos os veciños e veciñas de Ordes, que terán que solicitar o seu composteiro no Concello

Xesús Pedreira: “Esperamos que esté en funcionamento no 2010 no medio rural de Ordes e en vivendas urbanas con xardín”

O Concello de Ordes será o primeiro municipio da provincia da Coruña que asinará un convenio de colaboración co Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino para participar nun programa de compostaxe doméstica integral, que se desenvolverá ao longo do ano 2010. Un programa que permitirá que “todos os veciños e veciñas de Ordes que o desexen poidan ter un composteiro nas súas casas, só terán que pedilo”, explica o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira.

O Concello de Ordes lanzará nas vindeiras semanas unha campaña informativa para que os veciños e veciñas de calquera parrroquia do municipio poidan solicitar a cesión do composteiro. O único que terán que facer é proporcionar unha serie de datos para conseguir a cesión do composteiro e poder facer un correcto seguemento do programa, que será a primeira vez que se leve a cabo na provincia da Coruña.

O concelleiro tamén anunciou que o seguemento do programa será acometido por un técnico de medio ambiente, que se encargará de explicarlles aos veciños o funcionamento do composteiro e se encargará do control do programa. Un profesional que chegará ao Concello de Ordes ao abeiro deste convenio durante un periodo de nove meses.

Éxito da compostaxe en Ordes
A elección do Concello de Ordes para a participación neste programa piloto radica nos bos resultados dos proxectos de compostaxe doméstica postos en marcha por cincuenta familias do municipio, ubicadas nas parroquias de Beán (19), Poulo (14) e Barbeiros (5), ademais das localidades de Merelle, Espenica, Ardemil e Fonte Estrey. De feito, xa durante a presentación dos resultados desta campaña, aló polo mes de febreiro, o Concello de Ordes xa anunciara a súa intención de facer extensivo o programa de compostaxe feito en colaboración con Sogama, “dados os beneficios ecolóxicos e económicos que tivo esta iniciativa para esas cincuenta familias”, sinala Xesús Pedreira.

Canda o composteiro, todos os veciños e veciñas de Ordes que decidan participar neste novo proxecto recibirán un manual de compostaxe con indicacións sobre como elaborar compost a partir dos residuos orgánicos que producen a diario e conseguiren deste xeito un abono de elevada calidade. Pedreira destaca a importancia deste proceso de reciclaxe xa que “reducimos a cantidade de lixo que acaba no vertedoiro, pechamos o ciclo da materia orgánica, obtemos un abono de gran calidade para as nosas hortas e porque enriquecemos o noso chan, ao devolverlle materia orgánica”.

Redución dos residuos orgánicos
O anterior proxecto piloto de compostaxe doméstica, realizado polo Concello de Ordes en colaboración con Sogama e Adega, comprobou unha redución da presenza de materia orgánica nos contenedores xenéricos, que pasou dun 58,4 por cento ao inicio da experiencia a un 21,58% seis meses despois, é dicir, permitíu unha redución do 63 por cento. Un dato moi significativo xa que, na composición media do lixo, a materia orgánica supón entre o 50 e o 60 por centro, polo que esta iniciativa permitiu a reciclaxe dos restos orgánicos en orixe, diminuíndo paralelamente a cantidade de materiais depositados nos contedores xenéricos, ao tempo que mellora a calidade da recollida selectiva no seu conxunto.

As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
“A nosa previsión é que o programa esté en funcionamento no ano 2010 e que participen a maioría dos veciños do medio rural, así como nas vivendas urbanas con xardíns, nos campos de fútbol, etc”

*