viernes, 20 de noviembre de 2009

O Pleno da luz verde ao POS 2010 por valor de 418.058 euros

.
A corporación gardou un respectuoso minuto de silencio pola morte de Juanjo Liñares, cuxa familia cederá a súa biblioteca ao Concello de Ordes

Aproba por unanimidade unha moción en defensa do sector agrogandeiro ordense

O pleno municipal aprobou esta mañá por unanimidade a relación de obras que serán incluidas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2010 da Deputación da Coruña e que suporán un investimento de 418.058 euros en obras de mellora de trece estradas do municipio e nunha canalización de pluviais na parroquia de Leira. Unha relación de proxectos que, por primeira vez nesta lexislatura, contou cos votos a favor de todos os grupos políticos, xa que a proposta do grupo de goberno incluíu varias das obras demandadas dende a oposición, como o arranxo do camiño entre Vilasuso e Deixebre (Beán) ou o arranxo das pistas do entorno do colexio do Mesón do Vento.

Así, arranxaranse con aglomerado quente a mencionada pista entre Vilasuso e Deixebre (Beán), no lugar de Iglesia (na estrada entre Mendo e Pereira) e no camiño á escola de Poulo. Así mesmo, tamén se realizarán melloras na pista que une Lesta e Vilagudín, na conexión de Barbeiros coa estrada N-550, na vía entre Leira e Conde, nun camiño en Valiño (Parada), na pista entre Lesta e Ameneiros, na conexión de Barbeiros coa estrada N-550, no camiño de Brea a Orellán (Ardemil) e no camiño detrás da vía do tren en Lesta. Así mesmo, o POS 2010 tamén incluirá unha partida de 37.000 euros para a canalización de pluviais en Leira.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, explicou que “só temos 418.000 euros e as obras que propoñemos son as máis necesarias e que precisan dunha atención máis urxente nestes momentos”. Así mesmo, explicoulle a Teodosio Martino que algunhas das obras que solicitaba, como o abastecemento en Fosado ou en Lavandeira de Abaixo, “xa están aprobados nun plan da Xunta, por un importe de 750.000 euros, aprobado xa polo anterior Goberno”.

Cálida homenaxe a Juanjo Liñares
O pleno comezou cun sentido minuto de silencio na honra do bailarín Juanjo Liñares, fillo predilecto de Ordes falecido este mesmo luns. Regos explicou que “a familia xa nos transmitiu que non só disporemos dos 1.000 traxes que xa están colocados no Museo do Traxe senón que tamén farán outras cesións, como a súa biblioteca, xa que foi un home que sempre levou a Ordes no seu corazón”.

De feito, os rogos e preguntas previstos para o pleno de hoxe quedaron aprazados ata unha vindeira sesión plenaria para que os membros da corporación que o desexaran puidesen asistir a unha misa na honra de Juanjo Liñares, celebrada nun local municipal cedido polo Concello de Ordes á igrexa parroquial mentras teñen lugar as obras de rehabilitación do templo de Santa María de Ordes. Unha misa á que acudiron máis de medio cento de veciños e veciñas.

Baixada das taxas de auga e sumidoiros
O pleno municipal aprobou tamén un descenso dun 0,1% das taxas municipais polos servizos de abastecemento de auga potable e sumidoiros, que se aprobou coa abstención do BNG. Unha decisión que sorprendeu a Manuel Regos pois “é a primeira vez que baixamos estas taxas municipais a todos os veciños e veciñas de Ordes”. O BNG abstivose neste punto, xa que, segundo Ramiro Recouso, “as taxas por enganche son moi elevadas, superando nalgúns casos os 400 euros, o que non é xustificable nun momento como o actual de crise económica”.

As empresas de telefonía deberán pagar por ter as súas instalacións en Ordes
As que se incrementarán serán as taxas que terán que aboar as empresas de telefonía por colocar as súas instalacións no termo municipal. A proposta de que as taxas sexan cobradas pola Deputación Provincial, entidade na que delega o Concello de Ordes, foi aprobada por unanimidade. Finalmente, na parte dispositiva aprobouse un expediente de modificación de crédito por un importe de 206.000 euros, que serán destinados a obras de infraestrutura e deportes.

Un expediente que foi aprobado cos dez votos a favor do grupo de goberno e Juan Simón (NA), a abstención do BNG e o voto en contra do PP. Manuel Regos aproveitou para felicitar aos técnicos municipais polo traballo feito cos orzamentos xa que “hoxe aprobamos o primeiro expediente de modificación de crédito deste ano, o que quere dicir que as contas están ben feitas”. Así mesmo, lembrou que “durante o goberno de Martino, no 2006, se fixeron seis expedientes en pleno e outros 20 en Comisión de Goberno”.

Apoio ao sector lácteo
A unanimidade caracterizou o turno de mocións dos distintos grupos municipais. Así se aprobou unha moción en defensa do sector agrogandeiro da comarca e de apoio ás mobilizacións que están a realizar hoxe 20 e mañá 21 de novembro. O concelleiro de Medio Rural, Xesús Pedreira, asegurou que “o Concello de Ordes amosa a súa solidaridade co sector agrícola da comarca, vital para o desenvolvemento do noso medio rural”.

Iniciativa lexislativa popular
Tamén se aprobaron por unanimidade tres mocións do grupo de Goberno nas que se apoiou a iniciativa lexislativa popular para a supresión do chamado 'Plus dos Altos Cargos da Administración', a inclusión nos Orzamentos do Estado de sendas partidas para a casa cuartel da Garda Civil e para a circunvalación de Ordes e defender os criterios de dispersión, envellecemento e emigración durante a tramitación parlamentaria da Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas.

O BNG votou a favor destas mocións e solicitou o apoio do pleno á proposta de veto que ten presentado o BNG no Congreso e no Senado á Lei de Financiamento das Comunidades Autónomas, porque, ao seu xuízo, "é profundamente lesiva para os intereses de Galiza".

Servizos sociais
BNG e PP aceptaron unha proposta do grupo de goberno para refundir as súas respectivas mocións sobre a prestación de servizos sociais e a axilización na aplicación da Lei de Dependencia, mentras que foi rexeitada unha moción nacionalista sobre as concentracións parcelarias no municipio. O concelleiro de Medio Rural, Xesús Pedreira, propuxo a todos os partidos políticos de Ordes “traballar ao unísono no remate das parcelarias, especialmente nas de Vilamaior e Barbeiros, xa que o seu remate é fundamental porque aló hai moitas explotacións agrogandeiras”.
Concentracións parcelarias
O grupo de goberno rexeito a moción do BNG xa que impuña uns prazos determinados á Xunta para o remate das parcelarias. Pedreira Mirás pediu tempo para que a Xunta poida cumprir os seus compromisos co goberno de Ordes e comprometeuse a que “se en febreiro, despois de falar cos técnicos e co xefe territorial de Medio Rural, non hai unha solución ou vemos que o que se fai en Vilamaior e Barbeiros non é o queren os veciños, faremos unha moción conxunta para que se faga”.

No caso concreto desta concentración parcelaria, o BNG reclamaba que se executase a totalidade das obras aprobadas polo anterior goberno da Xunta nun prazo de tres meses, xa que si se retrasa máis a execución das obras, segundo Gonzalo Castro, “correse o perigo de perder a inversión de 700.000 euros aprobada para este ano pola anterior Consellería do Medio Rural”.

Castro lamentou que “o alcalde e o PP, en lugar de defender os intereses dos veciños, se unan para defender ao Goberno da Xunta, amparando que non se teña incluido no proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010 ningún investimento para as Concentracións Parcelarias de Ordes”. Tamén anunciou que a súa formación política “ten presentado unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o 2010 para incluir unha partida de 2 millóns de euros destinada ás Concentracións Parcelarias de Ordes, xa que se trata de actuacións moi importantes para o desesenvolvemento socioeconómico do noso Concello”.

Fotos: Arriba, minuto de silencio da corporación municipal en memoria de Juanjo Liñares.
Abaixo, detalle da misa en honor do folclorista Juanjo Liñares.
*