lunes, 30 de marzo de 2009

O Concello reparte 2.000 folletos sobre repoboacións forestais

.
As especies que están suxeitas á xestión son o piñeiro galego, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrey, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra e eucalipto

Xesús Pedreira: "A lei reguladora das repoboacións forestais entrará en vigor a mediados de abril"

O Concello iniciou hoxe a distribución de 2.000 folletos informativos sobre as normas reguladoras das repoboacións forestais, que serán repartidos por toda a zona rural de todas as parroquias así como na zona semiurbana de Ordes. O único punto onde non se fará reparto algún será no casco urbán de Ordes.

No folleto infórmase de que, dacordo coa Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, as plantacións existentes teñen ata o 17 de abril de 2009 para adaptarse á nova normativa.

Prohibido repoboar en solo urbano
Así, o folleto informa da prohibición das repoboacións forestais en solo urbano, en núcleos rurais, en terras de labranza e en prados ou pastos, con independencia da cualificación urbanística. Ademais, especifícase que se permitirán novas repoboacións se existise un plan de ordenación de cultivos ou forestal e só con frondosas caducifolias propias da estación. Finalmente lémbrase a prohibición das repoboacións con eucaliptos en terreos ocupados anteriormente por outras frondosas ou nas marxes dos ríos.

O tema máis complicado, o das distancias a gardar, explícase de xeito esquemático dividindo cada explicación por especie e terreo onde se empraza. Así, para todas os eucaliptos, piñeiros, mimosas e acacias especifícanse distancias de 50 metros (para vivendas, instalacións preexistentes e industrias que desenvolvan actividades perigosas), 15 metros (a autoestradas e autovías), 8 metros (a estradas) e 2 metros (a vías e camiños forestais).

Para o resto das especies, as distancias serán de 10 metros (a terreos agrícolas, de labranza, prados, vivendas ou instalacións) e de 25 metros (a industrias que desenvolvan actividades perigosas). Finalmente, no caso dos montes a distancia será de 6 metros (para eucaliptos, mimosas, piñeiros e acacias) e de 2 metros para o resto.

O folleto inclúe unhas fotografías sobre as especies que están suxeitas á xestión: piñeiro galego, piñeiro silvestre, piñeiro de Monterrey, piñeiro de Oregón, mimosa, acacia negra e eucalipto. Unha xestión que tamén será obrigatoria no caso das xestas, queirugas, silvas, fentos e, en xeral, especies arbustivas.

As frases de Xesús Pedreira, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural de Ordes
"O obxectivo é que chegue un folleto a todo rural, un por cada casa das nosas parroquias e zonas semiurbanas como As Casillas ou Bidueiro"

"A lei reguladora das repoboacións forestais entrará en vigor a mediados de abril"


*