jueves, 26 de marzo de 2009

Gonzalez: "Non é certo que o parque infantil vaia desaparecer, que quede moi claro"

.
O Concello terá en conta as 142 alegacións veciñais polo aparcamento do parque infantil

Serán estudiadas na comisión informativa de Urbanismo

O Concello de Ordes estudiará as alegacións veciñais presentadas á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal para a posible construción dun aparcamento soterrado na zona do parque municipal “Félix Rodríguez de La Fuente”, aprobadas polo pleno municipal de febreiro segundo informa o grupo de Goberno.

Unha vez rematado o prazo de exposición pública, e ante a presentación de diversas alegacións acompañadas pola firma de 142 veciños e veciñas do municipio, o Concello de Ordes decidiu levar este asunto á comisión informativa de Urbanismo.

A modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal aprobada no pleno de febreiro permitiría acometer a ampliación da casa consistorial e a posible construción dun aparcamento soterrado na zona do parque municipal. Unhas modificacións que, en todo caso, contan co informe previo e favorable de Urbanismo.


As frases de Roberto González, concelleiro de Ordes
"Nesta comisión estudiaremos as alegacións presentadas polos veciños e veciñas de Ordes á posible construción dun parking soterrado no parque municipal do que, en todo caso, nin sequera existe proxecto algún a día de hoxe"

"Diante das alegacións presentadas neste prazo de exposición pública, dende o Concello de Ordes pensamos que o máis democrático é abrir un debate e ver os pros e os contras desta decisión, sempre co ben xeral como guía"

"Non é certo que o parque infantil vaia desaparecer, que quede moi claro"