jueves, 5 de marzo de 2009

Non tires os teus vellos cedés, o Concello recíclaos

.
Poderán depositarse nun colector instalado na Casa do Concello ou nun segundo colector que se desprazará polo municipio

Sabías que o 100% dos cedés se poden reaproveitar?

O Concello de Ordes ven de lanzar unha campaña de reciclaxe de cedés e deuvedés, enmarcada dentro do programa “Ordes Recicla”. Ao acto de presentación asistiron o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, e o delegado en Galicia do Proxecto Cederika, José Juan Nimo, así como diversos membros da corporación municipal.

Proceso de reciclaxe moi sinxelo
O proceso de reciclaxe dos cedés é sinxelo. Os discos recolleranse nun contedor ubicado na primeira planta da casa consistorial ordense ou directamente nos centros escolares e nas empresas que así o solicitan. Os usuarios deste servizo, totalmente de balde, poderán tamén facer uso dunha máquina para borar todos os datos dos seus cedés. Segundo Nimo, o 98% dos compoñentes dun cedé é policarbonatos, un produto totalmente reciclable e co que despois se poden fabricar accesorios do automóbil coma salpicaderos, parachoques, carcasas de retrovisores, ou ben carcasas de ordenadores, gafas de pasta, etc.

Unha vez depositados os discos nos contedores, éstes serán trasladados a unha fábrica de Cederika no País Vasco, onde serán triturados para separar o aluminio e a tinta do policarbonato. Despois, ese granulado fundirase e solidificarase para poder ser reutilizado na fabricación doutros produtos, xa que o policarbonato obtido non se pode volver empregar para facer novos cedés.

A frase de José Juan Nimo
"Aínda que os cedés non son tóxicos e non se descompoñen, sí que podemos reaproveitar o 100% dos seus compoñentes”.

A frase de Xesús Pedreira, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente
"Para garantir a total confidencialidade dos datos que poida haber nos discos que se entregan para a súa reciclaxe, o Concello de Ordes e a empresa Cederika poñen a disposición dos veciños uns aparellos que destrúen por completo toda a información dos discos antes de que os depositen nos contedores habilitados para elo"

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Esta campaña pretende poñer a disposición dos nosos veciños e empresas, un contedor de forma permanente no noso Concello no que poidan depositar este tipo de residuos en calquera momento e outro contedor que temos previsto que vaia rotando polos distintos centros educativos e empresas que estén interesados en participar"


*