martes, 10 de febrero de 2009

O concurso de disfraces do Concello repartirá 6.000 euros en premios

.
O prazo de inscrición no concurso de disfraces e comparsas remata o 27 de febreiro

Podes apuntarte no Departamento de Cultura e Deportes (Tlf. 981 680002 ou 981 680157)

O programa de Entroido do Concello, que este ano inclúe a celebración dun gran concurso de disfraces, repartirá un total de 6.040 euros en premios entre carrozas, comparsas e disfraces individuais. É necesaria a inscripción antes do 27 de febreiro no Departamento de Cultura e Deportes de Ordes (981 68 00 02 ou 981 68 01 57).

As celebracións de Entroido comezarán na tarde do martes 24 de febreiro, co Campo da Feira como punto de encontro. Entre as 17 e as 21 horas, terán lugar unha serie de obradoiros pensados para o divertimento dos máis xóvenes da casa. Haberá obradoiros de moitas clases: de máscaras, de disfraces, de maquillaxe, de globoflexia e de malabares, que será a gran novidade deste ano.

Sábado de Piñata
E para o sábado 28 de febreiro, Sábado de Piñata, o Concello ten programado un concurso de disfraces no que se repartirán máis de 6.000 euros en premios. Haberá tres categorías: carrozas, comparsas e individual, das que o xurado valorará a orixinalidade e a vistosidade dos disfraces, así como o esforzo realizado. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata un día antes do concurso, é dicir, ata o 27 de febreiro.

Premios para carrozas
As carrozas participantes repartiranse tres premios de 1.000, 700 e 500 euros para os tres primeiros clasificados. Unhas carrozas que deberán ter unha superficie non superior aos 7 metros de longo, 3,5 metros de ancho e 4 metros de alto, sen que haxa límite algún de idade ou número de participantes.

E tamén para comparsas
No caso das comparsas, crearanse dúas categorías: adultos (maiores de 16 anos que se repartirán 1.850 euros en premios) e infantís (para os que se establecen tres premios de 350, 250 e 200 euros).

Ademais, haberá un premio especial “Concello de Ordes” de 400 euros á mellor comparsa municipal.

Disfraces individuais
Finalmente, no caso dos difraces individuais tamén haberá dúas categorías, adultos e infantís, que se repartirán 450 e 340 euros en premios, respectivamente.
*