viernes, 20 de febrero de 2009

Augas de Galicia investirá 1,1 millóns de euros en rúas e no rural ordense

.
Manuel Regos: " É unha demostración de que a Xunta de Galicia, e concretamente a Consellería de Medio Ambiente, cumpre os seus compromisos con Ordes"

O alcalde, Manuel Regos, ven de recibir hoxe a confirmación dun investimento de 1.112.000 euros no saneamento e abastecemento de augas de varias rúas da vila, e de varias zonas do rural do municipio. Así consta no documento remitido esta mañán por Augas de Galicia no que se confirma a inclusión dos proxectos impulsados polo Concello de Ordes no Plano Hidrolóxico de Galicia e no Plano de Saneamento de Galicia.

Agora deberá ser aprobado polo Pleno
O subdirector xeral de Programación e Proxectos da Consellería de Medio Ambiente, Francisco Alonso Fernández, remitiu ás 9:30 horas desta mesma mañán a autorización de estes dous investimentos ao Concello de Ordes, que agora deberá aprobar nunha próxima sesión plenaria e someter os proxectos a exposición pública.

Máis de 750.000 euros para o rural
O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, é o de mellora no saneamento no noso medio rural, orzamentado en máis de 753.000 euros. Un proxecto que inclúe un total de catro proxectos parciais nos lugares de Espenica (245.000 euros), Reboredo e Gorita (185.000 euros), Ceidón (50.000 euros) e Lavandeira (61.000 euros).

Un proxecto que se complementa con máis de 5.400 euros para o proxecto de seguridade e saúde e que será incluido no Plano de Saneamento de Galicia, polo que será financiado nun 100% pola Xunta de Galicia.
.
Máis de 350.000 euros para obras hidráulicas
En canto ao segundo proxecto, denominado “Obras hidráulicas no Concello de Ordes”, a Consellería de Medio Ambiente vén de incluilo no Plano Hidrolóxico de Galicia, polo que financiará o 100% das obras por un importe de 358.000 euros. Este proxecto inclúe, á súa vez, catro pequenos proxectos que mellorarán o saneamento e o abastecemento de auga para os veciños que residen en catro rúas de Ordes: rúa Nova (100.434 euros), Laranxal (96.603 euros), República Arxentina (56.000 euros) e Coruña (5.800 euros).

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Estamos moi satisfeitos pola confirmación de que a Consellería de Medio Ambiente vai acometer un investimento de máis de 1,1 millóns de euros en Ordes, xa que sabemos que estas actuacións mellorarán considerablemente a calidade de vida de moitos dos nosos veciños e veciñas, especialmente na zona rural, onde é moito máis complicado acceder a estes servizos"

“É unha demostración de que a Xunta de Galicia, e concretamente a Consellería de Medio Ambiente, cumpre os seus compromisos con Ordes”

*