viernes, 6 de febrero de 2009

Medio Ambiente destina 1,3 millóns ao saneamento de Ordes

Inícianse as obras de acondicionamento das marxes do río Mercurín

Todas as actuacións permitirán o acceso a persoas con mobilidade reducida

A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia vai investir 1,31 millóns de euros na mellora do saneamento no concello, segundo confirmou o pasado mércores o secretario xeral da consellería, Antonio Santiso Blanco. Esta decisión foi comunicada durante o acto de inicio das obras de acondicionamento das marxes do río Mercurín ao seu paso pola vila na que Santiso estivo acompañado polo alcalde de Ordes, Manuel Regos; o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira; o delegado provincial de Medio Ambiente, Manuel Tajes; e diversos membros da corporación municipal ordense.

"Recuperación do ecosistema fluvial"
A execución deste proxecto suporá, segundo agarda o goberno municipal, "a recuperación do ecosistema fluvial do Mercurín ao longo de preto de dous quilómetros, concretamente entre os muiños da Silva e da Braña".

O investimento será tal como segue:
Reboredo: 350.000 euros
A Gorita: 320.ooo euros
Lavandeira: 200.000 euros
Rúa Nova: 138.000 euros
Rúa Lanranxal: 133.000 euros
Rúa República Arxentina: 78.000 euros
Rúa A Coruña: 8.000 euros
O Ceidón: 76.000 euros

As frases de Manuel Regos
"O departamento de Pachi Vázquez non só aportou 450.000 euros para poder facer este paseo fluvial, do que hoxe comezamos as obras, senón que vai realizar esta melloras no saneamento do noso municipio que, en total, suporán que a Consellería de Medio Ambiente vai realizar un investimento en Ordes de 1,76 millóns de euros"

"As marxes do río Mercurín se converterán nun paseo fluvial que será un punto de encontro para os nosos veciños, un lugar onde poderán estar en contacto coa natureza nunha zona recuperada despois de moitos anos"

As frases de Xesús Pedreira
"O proxecto será un novo espazo de ocio e descanso integrado completamente no medio natural e que constará tamén dunha área recreativa e unha zona de xogos infantís"

"Todas as actuacións permitirán o acceso de persoas con mobilidade reducida, a través da construción de rampas"

*