lunes, 31 de enero de 2011

O BNG recolle en Ordes máis de 2.000 sinaturas contra a Lei de Augas

Gonzalo Castro, portavoz do BNG de Ordes.
Castro: "Non hai política máis antisocial que incrementar o custo de servizos básicos nun contexto de forte crise económica"

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, informou onte do desenvolvemento no concello de Ordes da campaña para paralizar a aplicación da Lei de Augas, aprobada polo Goberno de Núñez Feijóo.

Castro informou de que “unha vez finalizados os 16 actos informativos realizados nas parroquias rurais do concello, temos constatado que os veciños e veciñas de Ordes rexeitan de forma clara e contundente esta lei de augas, como o demostra a asistencia de máis de 800 persoas aos actos e a recollida de máis de 2.000 sinaturas”.

O portavoz nacionalista fixo público “o agradecemento do BNG aos veciños e veciñas de Ordes pola súa gran implicación nesta campaña, o que amosa o seu rexeitamento á desproporcionada e inxusta subida de impostos que contempla esta lei, que ten como único obxectivo de aumentar a capacidade recadatoria da Xunta de Galiza, incrementando exponencialmente a presión fiscal sobre os consumos domésticos”.

Gonzalo Castro salientou que “a mobilización social será unha garantía de éxito para conseguir o que todos queremos, que é que a Xunta derrogue unha lei que o único que pretende é subir considerábelmente o canon da auga para os usos domésticos, afectando especialmente á poboación residente no rural, gravando por igual tanto o consumo ou utilización da auga procedente de traídas veciñais ou pozos, como a procedente de sistemas públicos de abastecemento, o que resulta inxusto e inaceptábel”.

O portavoz informou de que “unha vez finalizada a campaña nas zonas rurais do concello, trasladaremos a mesma á vila de Ordes, xa que tamén os veciños e veciñas dos núcleos urbáns van a verse afectados por esta lei que vai a suponer unha considerábel suba do recibo da auga, xa que, por exemplo, unha persoa que viva soa verá como a carga tributaria do seu recibo da auga se incrementa en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, terá que soportar un incremento do 171%”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Non hai política máis antisocial que incrementar o custo de servizos básicos nun contexto de forte crise económica, e por isto mesmo, opoñémonos ás modificacións da Lei de Augas, ao igual que á suba do prezo da electricidade e do gas”

*