O interventor municipal avala as propostas financieiras do grupo de goberno
O BNG propón uns "orzamentos participativos" na vindeira lexislatura
O Concello de Ordes celebrou esta mañá un pleno extraordinario para tratar as alegacións presentadas á aprobación inicial do orzamento municipal de 2011, unhas alegacións realizadas polo Partido Popular, e que foron desestimadas por ser presentadas fóra de prazo, tal e como indicou o interventor municipal no seu informe.
Dende o grupo de goberno o alcalde Manuel Regos, lamentou que o PP queira paralizar o Concello presentando unhas alegacións fóra de tempo aos orzamentos de 2011, uns orzamentos que calificou como os “máis realistas e austeros da historia de Ordes”.
O interventor municipal, dando conta do seu informe, explicou que as alegacións dos populares estaban presentadas fóra de prazo, aínda que a pesar de estar xa desestimadas por este motivo, tamén fixo unha serie de aclaracións e explicacións sobre as mesmas. Así, en canto á primeira das alegacións na que o PP facía referencia ás previsións de ingresos, que calificaron como "inflados", o informe do interventor indica que poden ser cumpridas razonablemente, tendo en conta ademais que no exercizo de 2011 haberá máis recadación pola taxa do cemiterio, así como se cobrarán licenzas previstas para este ano, e ingresos a maiores que se percibirán debido á suba do IPC en diferentes taxas.
En canto á segunda das alegacións na que os populares facían referencia á redución do gasto, o informe do interventor tamén é claro explicando que nos orzamentos elaborados para o exercizo de 2011 recóllense créditos suficientes para atender as obrigas previstas, e que a disminución débese tamén a que se disminuiron unha serie de servizos como o obradoiro de emprego. Manuel Regos mostrou o seu asombro porque os populares critiquen que se faga unha redución no gasto tendo en conta o momento que estamos a vivir, e asegurou que aínda que sí se reduce, mantéñense os servizos máis necesarios, como todo o relativo aos servizos sociais ou ás prestacións para os veciños e veciñas de Ordes.
O interventor quixo aclarar tamén que nestes orzamentos séguense as recomendacións feitas pola intervención municipal para tratar de reducir na medida do posible os gastos correntes.
Unha débeda investida en melloras para o municipioEn canto ás críticas da oposición sobre a débeda do Concello, Regos explicou que sí hai débeda, pero que esa débeda tradúcese en investimentos e melloras para o municipio. Así, destacou obras como a ampliación do tanatorio, a nova Casa do Concello que se está a construir e que aclarou novamente conta cunha subvención da Xunta para o seu financiamento, ou os baixos da Alameda acondicionados a través de subvencións conseguidas provintes dos fondos estatais e a Deputación, e que dotarán ao municipio dun novo museo, unha sala de conferencias, locais de ensaio, unha nova biblioteca xa en pleno funcionamento e que duplica o espazo das instalacións anteriores, e demais oficinas, entre elas unha que xa está a utilizar a Cruz Vermella. “Nestes catro anos convertimos a Ordes nun municipio en pleno desenvolvemento” dixo o alcalde.
Ás alegacións dos populares ordenses sumáronse outras dúas, unha presentada por un veciño, que foi desestimada, xa que tal e como explicou o interventor, para que un veciño poida impugnar un orzamento debe alegar algún interese directo ou resultar afectado directamente, e neste caso non se xustificaba.
Pola súa banda, o portavo municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro fixo fincapé en que “o que precisan os veciños é un cambio de rumbo profundo na xestión municipal, que conteña medidas para paliar a situación económica do concello, como a redución do gasto e a priorización do mesmo para dotar de recursos aos servizos públicos básicos, e facer fronte ao pago das débedas cos proveedores do concello, así como a orientación dos investimentos á creación de emprego, con actuacións como a creación dun viveiro de empresas ou a modernización e promoción da praza de abastos, tal e como ten proposto o BNG reiteradamente”.
O interventor asegura que os créditos de persoal son suficientes
A outra alegación presentouna o sindicato CC.OO. na que alegaba que o capítulo de gastos de persoal non era suficiente para facer fronte aos postos de traballo incluidos na RPT aprobada. Cuestión que o interventor tamén desestimaba no seu informe xa que tal e como explicou, os créditos de persoal son suficientes tendo en conta ademais que todavía non se realizou a convocatoria da oferta pública de emprego das prazas vacantes e non está previsto cubrilas antes de que entre a nova corporación, iso sí, insistiu en que sí existe consignación orzamentaria dende agosto ata fin de ano para ditas prazas.
O alcalde insistiu en que nas diferentes mesas de negociación, incluida a última das reunións, estiveron presentes os sindicatos estando dacordo en todo o exposto. Sen embargo, Gonzalo Castro afirmou que “estas alegacións son a mostra evidente da falta de capacidade para a xestión do alcalde e o seu goberno” afirmando que “a negociación colectiva e a RPT que vendeu a bombo e platillo o alcalde, non eran máis que fume, algo moi característico deste goberno municipal”.
A favor: Goberno+Hermida. Abtención: BNG+Pampín. En Contra: PP
Asi, os orzamentos de 2011 quedaron aprobados de forma definitiva e desestimadas as catro alegacións presentadas aos mesmos cos votos a favor dos edís do grupo de goberno e o non adscrito José Luis Díaz Hermida, a abstención do BNG e do edil Jesús Pampín, e os votos en contra do PP.
Finalmente, Gonzalo Castro comprometeuse a dotar a Ordes de orzamentos participativos no vindeiro mandato municipal e xustificou a abstención do BNG na votación das alegacións aos orzamentos municipais de Ordes, porque “Ordes precisa dun cambio profundo para resolver os seus problemas económicos, non da maquillaxe que propón o PP nas alegacións aos orzamentos”.
*
*