Acusan ao Goberno local de elaborar unhas "contas ficticias" para o presente exercicio económico
Pedirán que se corrixan as deficiencias localizadas para posteriormente someter os novos números a debate e aprobación da corporación municipal
A xestora do Partido Popular de Ordes informa hoxe en nota de prensa de que as anomalías detectadas nos orzamentos do Concello de Ordes para o ano 2011 obrigaron ao Goberno local a connvocar un pleno extraordinario para o venres 7 de xaneiro. O obxectivo desta reunión da corporación muncipal via ser debater as reclamacións administrativas formuladas polo grupo municipal popular contra o documento aprobado inicialmente o pasado 30 de novembro. Nese pleno extraordinario, o PP pedirá que se corrixan as deficiencias observadas para, posteriormente, someter o orzamento a debate e aprobación por parte da corporación.
Para os populares ordenses, anomalías como inflar artificialmente a previsión de ingresos ou non consignar créditos suficientes para facer fronte aos pagamentos previstos constitúen non só un atentado contra os intereses dos veciños, senón que tamén unha infracción da Lei de Facendas Locais.
Previsións de ingresos de 1,6 millóns de euros
As alegacións formuladas polo PP constatan que a previsión de ingresos dos orzamentos do Concello para 2011, e moi especialmente as taxas -Capítulo III, licenzas de obra, primeira ocupación, apertura e cemiterio-, programan un importe de 1.606.787,62 euros. Este feito, aseguran os populares, semella unha alteración do orzamento, xa que a liquidación do ano 2009 correspondente a este concepto suma tan só 827.984,13 euros. A xuízo dos populares ordenses, a previsión orzamentaria está inflada artificialmente ata duplicar, no mellor dos casos, a recadación previsible no actual contexto de crise.
No estado de execución a xullo de 2010 pódese comprobar, continúan os populares, que o total recadado por ese mesmo concepto ascendía a 420.191,12 euros, o que parece indicar que a recadación de todo o exercicio vai ser semellante á do ano 2009. Por iso, o PP de Ordes considera que inflar ficticiamente os conceptos de ingresos para poder gastar máis do debido é unha irresponsabilidade, ademáis dunha infracción do ordenamento en materia de facendas locais.
Simultaneamente, alertan de que os gastos previstos no capítulo 2 sofren unha notable disminución, ao pasar de 3.808.422,54 euros na liquidación do ano 2009 aos 3.013.091,30 euros do presente orzamento, nos que consta a eliminación do obradoiro de emprego e o paso dos servizos sociais a Mancomunidade, sen aclarar suficientemente cales son o resto dos servizos que desaparecen ou disminuen ata acadar a cantidade reseñada.
A terceira das reclamacións formuladas polo Partido Popular baséase no informe elaborado polo interventor municipal e no que pon de manifesto a delicada situación financeira do Concello de Ordes e o volume crecente de facturas impagadas que se amorean nas súas dependencias. A fama de moroso do Concello, din dende a Xestora do PP, acada tal extremo que moitas empresas da localidade se negan xa a subministrarlle materiais que non saben se van cobrar.
Recoñecer obrigas de 2010 no exercicio de 2011
Así, o interventor subliña que ao longo de 2011 haberá que recoñecer obrigas de 2010, polo que o crédito consumido neses recoñecementos extraxudiciais impidirá atender os gastos correntes que o Concello vaia xerando. Deste xeito, as facturas de 2011 quedarán pendentes de pago ata, polo menos, o ano 2012, incumprindo de maneira reiterada o principio de anualidade, así como a nivelación orzamentaria para facer fronte a todos os gastos.
Ademais das reclamacións formuladas desde o grupo municipal popular, o sindicato Comisións Obreiras e veciños de Ordes rexistraron tamén alegacións en termos semellantes por entender que o Goberno local está sumindo ao Concello nunha situación de bancarrota que resultará especialmente difícil de superar.
*