viernes, 21 de enero de 2011

O alcalde Manuel Regos inaugurou onte a exposición de bonecas de Juanjo Liñares


Poderáse coñecer gratuitamente ata o 20 de febreiro no Museo do Traxe Juanjo Liñares do Campo da Feira

O alcalde Manuel Regos, inaugurou onte pola noite a exposición 'A pequena colección de Juanjo: Un cento de Bonecas do Mundo', que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 20 de febreiro no Museo do Traxe Juanjo Linares. No acto estivo acompañado polo director do Museo, Manuel Viqueira, así como por membros de corporación e demais asistentes.

Trátase dunha mostra dun cento de bonecas ataviadas con traxes característicos de diferentes partes de todo o mundo, colección do coreógrafo e bailarín ordense, Juanjo Linares. Traxes típicos de Noruega, a India, Ucrania, Israel, Brasil e infinidade de países máis de todo o mundo, son os que lucen estas bonecas, nunha mostra que xa foi solicitada por outros museos.

A exposición conta ademais cunha boneca moi especial, que preside a sala, e que tal e como explicou o director do Museo ordense, é doazón do Museo de Mariemma de Iscar, en Valladolid. Unha boneca ataviada co traxe de bailar a Jota de Iscar e confeccionado pola agulla de ouro Tomasa Benito Martín “Tomy”, e que se suma así ao cento de bonecas da colección de Linares.


"O Museo Juanjo Liñares segue a ser un referente"
Manuel Regos mostrou unha vez máis a súa satisfacción porque o Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes siga a ser un referente, mostrando novamente “o seu dinamismo e actividade coa celebración desta exposición que volve a poñer de manifesto o gran traballo de Juanjo Linares e o legado que deixou ao noso municipio cunha gran colección de traxes e accesorios, crucifixos e tamén de bonecas”.

A mostra, que ten entrada gratuita, poderá visitarse ata o 20 de febreiro no horario habitual de apertura do Museo, de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os domingos e festivos de 10 a 14 horas (luns pechado).

Foto arriba: Manuel Regos (izq.) e Manuel Viqueira durante a presentación da colección de bonecas de Juanjo Liñares.

Foto abaixo: Detalle dunha vitrina cunha mostra de bonecas ataviadas con traxes rexionais do mundo.


*