miércoles, 2 de febrero de 2011

A biblioteca consigue un novo éxito de participación na tarde de contacontos infantis


Incrementáronse o seu número de usuarios e socios coas súas novas instalacións nos baixos da Alameda

Unha das seccións con máis éxito entre os lectores é a comicteca

O horario de apertura da biblioteca é de luns a venres de 8:30 a 14:30 e de 15:30 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14 horas

A Biblioteca Municipal do Concello de Ordes estase a convertir en todo un referente na comarca, aumentando o número de usuarios e o abano de idades dos mesmos, sendo un centro no que cada vez son máis os adultos, como amas de casa, xubilados, ademais dos estudiantes e os nenos, os que o utilizan, tal e como explicaron as súas bibliotecarias.

As novas instalacións da biblioteca, que agora está situada nos baixos da Alameda, nun espazo ampliado e que conta cun maior número de servizos, como unha ludoteca e unha zona de lectura para os máis pequenos, separada doutra zona dos adultos, diferentes postos de informática, e en definitiva, unhas instalacións máis cómodas, teñen motivado este incremento dos usuarios, convertindo á Biblioteca Municipal de Ordes en pioneira en canto a horario, instalacións e fondos bibliográficos.

Entre os servizos da Biblioteca Municipal do Concello de Ordes, encóntrase un servizo de petición directo de libros, ademais do tradicional préstamo, así como unha sección de novidades e unha zona de comicteca destinada aos amantes do cómic e que está contando cunha gran aceptación. Na actualidade a Biblioteca Municipal do Concello de Ordes conta cun total de 1.300 socios activos, sendo o servizo de préstamo de fondos moi superior ao doutras bibliotecas de toda a comarca.

O horario de apertura da biblioteca é de luns a venres de 8:30 a 14:30 e de 15:30 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14 horas.

'Tardes de Contos e Lendas'
Mostra dos éxitos da Biblioteca Municipal do Concello de Ordes, a boa acollida das actividades que dende ela se programan, como as Tardes de Contos e Lendas, cuxa última sesión se celebrou o pasado venres. Unha tarde na que un contacontos foi o protagonista para entreter ao gran número de nenos e nenas participantes, co conto “As nenas e os nenos queremos a paz”, actividade que estivo dirixida aos pequenos do municipio de entre 3 e 8 anos e na que participaron tamén os seus acompañantes adultos.

O programa de Tardes de Contos e Lendas suma así un novo éxito, sendo centos os nenos e nenas do municipio que teñen participado nas diferentes sesións celebradas na biblioteca, un éxito que se ve reflexado nos bos resultados das campañas de animación á lectura, conseguindo que a biblioteca sexa visitada e utilizada cada vez por máis veciños e veciñas de Ordes de todas as idades.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Celebro a boa acollida das novas instalacións da biblioteca que están a facer que máis veciños e veciñas de Ordes utilicen este servizo municipal agora mellorado"

*