Continúan as críticas dos nacionalistas á falta de aprobación do PXOM de Ordes
O concelleiro do BNG de Ordes, Ramiro Recouso, acusou hoxe ao alcalde de mentir continuamente aos veciños, "para intentar disfrazar a súa manifesta incapacidade para mellorar as condicións de vida dos veciños de Ordes".
Recouso manifestou que “a zona industrial de Poulo está vinculada á tramitación do PXOM de Ordes, tramitación que pola desidia do alcalde aínda está nun período embrionario, polo que vai tardar varios anos en ser aprobado”.
O concelleiro nacionalista volveu acusar ao alcalde de Ordes “de retrasar a tramitación do PXOM deliberadamente para defender intereses especulativos, impedindo que se aprobara definitivamente o mesmo no presente mandato municipal, o que abocará a Ordes a seguir padecendo un desenvolvemento urbanístico caótico e pouco sostíbel.”
No tocante ao desemprego, Recouso manifestou que “o alcalde ten despilfarrado millóns de euros que podían ser invertidos en actuacións para crear emprego, como a creación dun viveiro de empresas, no actual parque empresarial, ou a reforma e promoción da praza de abastos, actuacións que foron propostas reiteradamente polo BNG e rexeitadas polo goberno municipal ”.
A frase de Ramiro Recouso, concelleiro do BNG de Ordes
“Desde o BNG lamentamos que o alcalde pretenda vivir nun mundo irreal e enganar aos veciños, cando o certo é que Ordes convertiuse no concello da provincia da Coruña onde máis medrou proporcionalmente paro, ao pasar, en ano e medio, de 600 a máis de 1.100 desempregados”.
*