Ata o 22 de xaneiro pódese visitar unha exposición no Centro Comarcal
O Concello de Ordes, baixo o programa Ordes SOStible da concellería de Medio Ambiente, segue a traballar en diferentes propostas que contribúan a unha maior educación ambiental dos veciños e veciñas do municipio, e nesta ocasión puxo en marcha un bloque de actividades fronte ao cambio climático.
Así, na tarde de onte no Centro Comarcal de Ordes, foron un total de trinta alumnos e alumnas do IES Nº 1 os que participaron nun obradoiro promovido polo Concello, co que se pretendeu favorecer a implicación da cidadanía na loita contra o cambio climático. Diferentes monitores se encargaron por medio dunha exposición, xogos interactivos e documentais de conducir diferentes dinámicas de grupo nas que os asistentes pasaron unha tarde divertida aprendendo cómo actuar de forma individual fronte ao cambio climático.
'O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción'
Ademais, tamén no Centro Comarcal, dende o pasado luns e ata o vindeiro día 22 de xaneiro, está a disposición de todo aquel que queira visitala a exposición sobre cambio climático 'O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción', facilitada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta. O horario para poder visitala é de 10 a 14 horas e de 17 a 19.30 horas de luns a venres e os sábados de 10 a 14 horas. Esta exposición pretende dar a coñecer o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.
*