José Luis Martínez Sanjurjo, candidato do PP á alcaldía de Ordes. |
Serán máis de dous millóns de euros investidos, máis o amollonamento das fincas de reemprazo
O acordo da zona de concentración parcelaria das parroquias de Beán e Pereira, feito público na mañán de onte nunha reunión do xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Enrique de Salvador, cos veciños das dúas parroquias de esta zona acredita a aposta do Executivo de Núñez Feijóo por mellorar as condicións de vida e as infraestruturas a disposición dos veciños de Ordes, declarou hoxe o candidato do PP á Alcaldía de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
O candidato popular acompañou ao xefe territorial en cadansúa das reunións convocadas cos veciños para explicarlles o estado de execución da parcelaria, decretada en 1991 e que, unha vez axilizados os trámites, podería acadarse a firmeza en menos de dous anos logo da toma de posesión dos novos predios. A presidenta da xestora local do PP de Ordes, Estrella Vázquez, tamén participou nestas xuntanzas, que contaron cunha elevada afluencia de propietarios.
Martínez Sanjurjo, que pola súa formación universitaria como enxeñeiro forestal, é un bo coñecedor dos procesos de concentración parcelaria, valora o esforzo desenvolvido pola Xunta de Feijóo neste ano e medio de lexislatura, superando a parálise dos catros anos de bipartito autonómico. Este esforzo tradúcese, segundo o candiato popular e a día de hoxe, nun investimento global de dous millóns de euros. A seguinte fase, na zona de Beán-Pereira consistirá no amollonamento (colocación dos marcos) das fincas de reemprazo. En breve procederase a notificación individual (correo postal certificado) a cada propietario, e abrirase o prazo de 30 días naturais de interposición de recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Rural.
O PP reclamou axilizar os traballos "para superar a parálise do bipartito"
Para reclamar a axilización das concentracións parcelarias pendentes de rematar en Ordes, o candidato do PP á Alcaldía e maila presidenta da xestora local reuníronse, o pasado mes de outubro, cos responsables dos servizos centrais da Consellería de Medio Rural, en Santiago, aos que reclamaron celeridade nos traballos e máxima transparencia e información para os veciños.
Froito destas xestións, o Partido Popular reitera tamén que ao longo deste ano 2011 se decretará a firmeza do acordo e se procederá a contratar a elaboración dos títulos de propiedade nas zonas de Ardemil, Leira, Buscás II e Barbeiros-Vilamaior II.
Nas vindeiras semanas informarase da data para facer pública a exposición do proxecto das novas fincas da zona de Parada II.
*