martes, 25 de enero de 2011

Regos: "Que a Xunta faga caso ás demandas dos veciños de Ordes dunha vez por todas”


O alcalde confirma a intervención na recuperación da rúa do Ceidón

Os populares acusan ao alcalde de "incapacidade" para xestionar o Concello "culpando" da situación a outros

O BNG apoia a proposta pola que o Pleno instará á Xunta de Galicia a dotar de investimento varias obras de saneamento

O pleno da corporación municipal do Concello de Ordes, reunido esta mañá en sesión ordinaria, aprobou unha proposta do grupo de goberno a través da que se solicitará novamente a Augas de Galicia a realización dunha serie de obras relativas á mellora do saneamento e abastecemento de auga en diferentes zonas do municipio, proposta que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos.

Así, tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, trátase dunhas obras que estaban aprobadas polo goberno bipartito da Xunta dende comenzos de 2009, e que, segundo o goberno municipal, foron denegadas coa chegada ao goberno autonómico da actual Xunta do PP.

Melloras na saneamento en rúas
Entre estas obras encóntranse as de mellora do saneamento e abastecemento de auga na rúa Nova, na rúa Laranxal, na rúa República Arxentina, na rúa Coruña, mellora de saneamento na Espenica, saneamento en Reboredo e na Gorita, saneamento na Lavandeira e o saneamento no núcleo do Ceidón.

Manuel Regos explicou que en ningún momento se quixo enganar aos veciños sobre a realización destas obras, xa que se trataba dun compromiso do goberno autonómico do bipartito e que a actual Xunta denegou. Insistiu ademais en que o goberno local leva dous anos traballando para que se leven a cabo, e con este acordo plenario trátase de que a Xunta “faga caso ás demandas dos veciños e veciñas de Ordes dunha vez por todas”.

Regos volveu a insistir en que nestes catro anos nos que o grupo que preside está no goberno, fíxose a máxima inversión en obras da historia de Ordes, unhas obras que aclarou teñen como único obxectivo “mellorar a calidade de vida dos ordenses, facilitándolles os mellores servizos e poñéndoos á súa man”.

"A travesía do Recreo non pertence ao Concello"
Por outra banda o pleno rexeitou tamén a urxencia de varias mocións do BNG. Nunha instábase ao goberno local a realizar as melloras necesarias na rúa do Recreo. A pesar de non aprobarse a urxencia, o alcalde Manuel Regos, sí contestou a esta moción, aclarando que se trata dunha travesía que non pertence ao Concello, e que polo tanto a administración local non é a que ten que realizar estas actuacións. Engadiu que a pesar disto, dende o goberno local estase insistindo á Deputación para que se leven a cabo estas melloras, de quen recibiron a resposta de que en breve se realizará a mellora do firme.

Outra das mocións dos nacionalistas, da que tampouco se aprobou a urxencia, instaba ao alcalde a que se executaran as obras de urbanización no Ceidón. O concelleiro nacionalista Ramiro Recouso afirmou que “o alcalde anunciou hai dous anos que no Plan de Obras e Servizos incluiriase o abastecemento e a urbanización da Rúa do Ceidón, no barrio do Paraiío, e pasado ese tempo esta zona atópase nun estado de total abandono, facéndose totalmente intransitábel e enchéndose de lama cando chove, o que está a ocasionar numerosos problemas aos veciños que residen nesta zona”. Regos explicou que xa estaba previsto a realización de melloras nesa zona, tratándose dunhas obras importantes e necesarias. Unhas obras ás que se poderían sumar ademais as de saneamento e abastecemento que se acordaron solicitar novamente a Augas de Galicia tamén neste pleno, e que tamén afectarán ao Ceidón.

Outras dúas mocións do BNG, unha relativa a instar ao goberno do Estado a dar marcha atrás na suba da luz, a auga e o gas, e outra na que se pedía tamén ao goberno central a retirada da reforma das pensións, non pasaron o trámite da urxencia, xa que tal e como explicou o concelleiro de Réxime Interior, Manuel Astray, “son cuestións que aínda que esteamos dacordo con elas, non son competencia da administración local e non podemos facer nada ao respecto”.

O BNG tamén propuxo que o pleno de Ordes instase ao Goberno do Estado a retirar a actual proposta sobre a reforma das pensións, e a defender o mantemento da idade legal de jubilación nos sesenta e cinco anos e o período para o cálculo da contía da pensión nos quince anos de cotización.

Así mesmo, os nacionalistas propuxeron que o Pleno instase ao Goberno do Estado a manter o Programa Temporal de Protección por Desemprego e Inserción (PRODI), co fin de asegurar que ningunha persoa desempregada quede sen cobertura, así como instar á Xunta de Galicia a incrementar substancialmente a dotación orzamental para a inclusión social dos máis desfavorecidos. Gonzalo Castro defendeu esta moción manifestando que “resulta inaceptábel que baixo o pretexto de reducir gastos e fomentar unha política de austeridade, se acometa un forte recorte das prestacións e servizos sociais, e polo tanto, un empeoramento das condicións de vida da maioría da poboación, como se pretende facer coas pensións”. Esta moción foi rexeitada cos votos en contra do Goberno municipal, do PP e dos concelleiros non adscritos.

Incapacidade do alcalde, segundo o PP
Se embargo, a actitude do goberno municipal respecto a esta sesión plenaria foi interpretada de diferente xeito polo grupo municipal popular. Para estes, o alcalde recoñeceu, implicitamente, a súa incapacidade para xestionar o municipio, "culpando da situación a outras administracións e pedindo a unidade de todolos grupos para así intentar que a Xunta de Galicia lle financie os proxectos que o Goberno por si solo non consegue quitar adiante, logo de venderlle aos veciños esas obras coma se foran unha realidade cando o que realmente había era fume, igual que noutras ocasións".

Mobles do centro social de Buscás
O grupo popular preguntou tamén polo paradoiro dos mobles adquiridos e pagados en 2008 por un importe de 7.300 euros e destinados inicialmente ao centro social da parroquia de Buscás. Eses mobles, aseguran os populares, "non chegaron ao seu destino ata a pasada fin de semana, logo dunha pregunta dos membros do Partido Popular,  pero curiosamente volveron desaperecer onte mesmo luns, deixando de novo valeiro o local social de Buscás".
*