miércoles, 19 de enero de 2011

O BNG de Ordes, contra a suba da luz, auga e gas

Presentan unha moción pola que o Concello de Ordes pediríalle ao Goberno de Rodríguez Zapatero unha marcha atrás na aplicación do incremento das tarifas destes servizos básicos

O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, anunciou onte a presentación dunha moción na que propoñen que o pleno da corporación inste ao Goberno do Estado a “dar marcha atrás á subida da luz e gas decretada polo Goberno, de xeito que en ningún caso o seu prezo se incremente por riba do IPC”, segundo manifestou Castro.

Asimesmo, o portavoz nacionalista informou de que na moción proponse tamén “instar ao Goberno da Xunta de Galiza a modificar a Lei de Augas, de xeito que, de ningunha maneira, supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise”.

Na presentación desta moción, Castro salientou que “a actual situación de crise económica está a provocar maiores dificultades económicas en moitos fogares da nosa comarca e, neste contexto, non se debe cargar ás economías familiares con subidas no custo dos seus consumos básicos. Xusto o contrario do que están a facer o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza”.

O portavoz nacionalista fixo fincapé en que “a decisión do Goberno Central do PSOE de subir un 9,8 por cento o recibo da luz e en torno ao 4% o gas é un duro golpe para as economías máis modestas, isto é, para aqueles sectores sociais que xa están a sufrir as peores consecuencias da crise”.

Gonzalo Castro tamén salientou, con respeito á suba da auga que “o Goberno da Xunta de Galiza do PP segue esta mesma política de incrementar o custo dos servizos básicos para a cidadanía. Así, acaba de aprobar en solitario unha lei de augas, coa única intención de aumentar a recadación, a costa de familias e particulares. Así, unha persoa que viva soa e que teña un consumo medio, duns 3 m3. ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga se incrementa en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, con ese mesmo consumo por persoa, terá que soportar un incremento do 171%”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“Agardamos que o pleno apoie por unanimidade esta moción, porque non hai política máis antisocial que incrementar o custo de servizos básicos nun contexto de forte crise económica, e todos debemos opoñémonos á suba do prezo da electricidade, do gas e ás modificacións contempladas na Lei de Augas de Galiza, que incrementarán o custo da auga”.

*