lunes, 24 de enero de 2011

O BNG condena o abandono do Ceidón, no barrio do Paraíso

Recouso acusa a Regos de non facer obras na zona cando hai dous anos anunciou o seu abastecemento e urbanización

Ramiro Recouso acusou hoxe ao alcalde Manuel Regos de non atender ás obras de saneamento e urbanización da zona do Ceidón, situado no barrio do Paraíso, “cando hai dous anos anunciounas”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “o alcalde anunciou hai dous anos que no Plan de Obras e Servizos incluiriase o abastecemento e a urbanización da Rúa do Ceidón, no barrio do Paraiso, e pasado ese tempo esta zona atópase nun estado de total abandono, facéndose totalmente intransitábel e enchéndose de lama cando chove, o que está a ocasionar numerosos problemas aos veciños que residen nesta zona”.

Compromiso do BNG
Recouso salientou a “incapacidade do alcalde para executar as obras de saneamento e urbanización da zona do Ceidón” e manifestou que “un dos compromisos do BNG no próximo goberno municipal será dotar de servizos e urbanizar esta zona residencial de expansión do concello de Ordes”.

Foto: Estado da Rúa do Ceidón, no barrio do Paraíso, o día 6 de xaneiro de 2011. / BNG de Ordes.
 
*