A súa candidatura logrou o respaldo total da Agrupación Socialista de Ordes, nunha asamblea na que participaron máis do 70% dos militantes
Pedreira:"O futuro de Ordes pasa polo partido socialista"
O secretario xeral da Executiva Local da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, será o candidato do PSOE á alcaldía de Ordes nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Así o acordaron os máis de cincuenta militantes da Agrupación Socialista ordense que participaron na asamblea extraordinaria celebrada na noite de onte venres en Ordes.
Unha asamblea na que se amosou o total respaldo da militancia socialista ao seu secretario xeral, cuxa candidatura foi a única presentada. E é que ademais de contar cos votos a favor de todos os asistentes, a candidatura de Pedreira conseguíu un “plus” de representatividade grazas á elevada participación rexistrada na votación, pois ao acto asistiron máis do 70% dos militantes da Agrupación Socialista de Ordes.
Xesús Pedreira agradeceu o apoio e as mostras de cariño ofrecidas pola militancia socialista pois “a gran participación rexistrada hoxe é mostra non só da unidade do Partido Socialista en Ordes, senón de que contamos cun gran número de persoas que están dispostas a seguir traballando polo futuro de Ordes. Un futuro que pasa polo partido socialista”.
Neste sentido, lembrou o aval destes últimos catro anos “nos que demos estabilidade ao Goberno municipal e desenvolvemos un gran traballo a prol dos nosos veciños dende as nosas áreas de responsabilidade como a sanidade, os asuntos sociais, a atención á terceira idade, o medio ambiente, o comercio, a industria ou o medio rural de Ordes”. Por iso, Xesús Pedreira animou aos presentes a traballar nestas eleccións “para dar a coñecer todo o que os socialistas temos feito polo benestar dos nosos veciños e todos os investimentos que o Partido Socialista trouxo a Ordes”.
"Unha persoa moi válida e de perfil gañador"
O coordinador comarcal do PsdeG-PSOE, Antonio Leira, foi o primeiro en felicitar a Xesús Pedreira pola súa elección dicindo que se trata “dunha persoa moi válida e cun perfil gañador”. Leira adiantou que se achega “unha época apaixonante, na que entre todos temos que traballar por conseguir que o salto cualitativo que experimentou Ordes nestes últimos catro anos se manteña”. “Foron catro anos onde a presencia dos socialistas foi vital e fundamental”, sinalou Leira, “e a realidade está aí, á vista de todos os veciños”.
*