Promovido pola Rede Xiana da Deputación en colaboración co Concello de Ordes
Regos: "Tratamos de dar unha ferramenta máis para facilitar a incorporación ao mercado laboral"
O Concello de Ordes ten aberto o prazo de inscrición para participar nun curso sobre creación de empresas dirixido a desempregados que está promovido pola Rede Xiana da Deputación da Coruña e que conta coa colaboración do Concello.
Un dos obxectivos deste curso é axudar ás persoas beneficiarias participantes a transformar as súas ideas de empresa en proxectos reais, dándolles os coñecementos necesarios, así como orientación no proceso de elaboración do plan de empresa, á vez de fomentar iniciativas que desenvolvan novas actividades que respondan ás necesidades locais de prestación de servizos.
Os destinatarios deste curso, de carácter semipresencial e que conta cunha duración de 50 horas, son os demandantes de emprego coa tarxeta actualizada, maiores de 18 anos e empadronados no Concello de Ordes.
Prazo de inscripción ata o 23 de xaneiro
O prazo para inscribirse no curso permanecerá aberto ata o 23 de xaneiro, debendo realizarse a inscrición na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Ordes, ubicada no 2º andar da Casa do Concello, lugar onde tamén se poderá recibir máis información ao respecto, ao igual que na web www.redexiana.org.
Esta actividade súmase á gran cantidade de iniciativas dirixidas a desempregados que durante o pasado ano 2010 levou a cabo o Concello de Ordes. Unhas iniciativas baseadas primordialmente na formación e que tiveron como obxectivo, tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, “dar aos desempregados unha ferramenta máis para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral”.
*