.
Os obradoiros deron comenzo o pasado 23 de decembro no local cultural de Ordes, e prolongaranse ata o 8 de xaneiro, exceptuando as fins de semana
O Concello puxo en marcha o pasado día 23 de decembro unha nova edición do programa 'Conciliar será fácil e divertido' que desenvolve a Concellería de Educación, Mocidade e Discapacidade que dirixe Silvia Marín.
Trátase dun programa a través do que se pretende que os pais e nais ordenses teñan un lugar onde deixar aos seus nenos e nenas mentres teñen que ir traballar nas mañás das vacacións de Nadal, ao mesmo tempo que os pequenos se divirten coa realización de xogos e obradoiros.
Ata o 8 de xaneiro
En total, este ano, son 57 os nenos e nenas do municipio que participan neste programa municipal que deu comenzo o día 23 e que se prolongará ata o próximo 8 de xaneiro, exceptuando as fins de semana, nas que non haberá actividade.
O horario das actividades é de 9 a 14 horas e realízanse no local cultural de Ordes. O Concello de Ordes pon ademais a disposición dos participantes un servizo de transporte gratuíto para os nenos e nenas que viven nas parroquias.
A frase de Silvia Marín, concelleira de Educación, Mocidade e Discapacidade de Ordes
"Tratamos de facilitar aos pais e nais do municipio a conciliación da vida laboral e a familiar durante as vacacións escolares dos nenos. Cuestión que cada vez se está a facer máis difícil para todas as familias”
*