martes, 15 de diciembre de 2009

O BNG presenta unha emenda aos orzamentos da Xunta para mellorar e ampliar a estrada entre os polígonos de Ordes e Cerceda

.
Os nacionalistas acusan ao PP de "paralizar" o proxecto do Bipartito

A deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, acompañada dos portavoces municipais desta formación política nos concellos de Cerceda e de Ordes, Rocío da Igrexa e Gonzalo Castro, anunciou esta mañá en Santiago de Compostela a presentación dunha emenda ao proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2010 na que se propón a inclusión dunha partida de dous millóns de euros para a ampliación e a mellora da estrada que comunica os polígonos industriais de Ordes e Cerceda.

A deputada nacionalista acusou ao goberno de Núñez Feijóo de "paralizar o proxecto de mellora e ampliación desta estrada, que fora aprobado polo anterior executivo autonómico, cun orzamento total de tres millóns de euros, e que contaría cunha importante financiación a cargo dos Fondos Miner".


O proxecto do Bipartito contaba cun orzamento de 3,05 millóns de euros
Segundo o BNG, o proxecto das obras de ensanche e mellora do viario que une Ordes co límite de Cerceda, aprobado polo anterior goberno da Xunta de Galicia, contaba cun orzamento de 3.055.000 euros e un prazo de execución de 24 meses. O tramo, de 8.275 metros de lonxitude, pasa pola Portela, Pedre, O Cruceiro, Bailia e Vilasenín.

O ancho actual medio é de sete metros, dos que só seis son aproveitables para o tráfico rodado. O proxecto contemplaba ampliar esta estrada até lograr un ancho total da plataforma de dez metros, con beiravías de metro e medio a cada lado. A estas dimensións habería que engadir as cunetas dun metro de ancho. Finalmente, no punto quilométrico 6,9, construiriase unha glorieta, á altura de Bailia.

Pola súa banda, Rocío da Igrexa e Gonzalo Castro salientaron que a execución destas obras é moi necesaria para mellorar a seguridade dos peóns e conductores que circulan pola zona, xa que se trata dunha vía con abundante tráfico de vehículos pesados e que presenta mala visibilidade en varios puntos, os portavoces municipais nacionalistas cifraron en máis de 100 camións os que utilizan a diario esta vía, que comunica os polígonos industriais de Ordes e Cerceda.

A frase de Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento de Galicia
“A suposta austeridade non debe converterse nunha escusa para non executar infraestructuras necesarias, mais ainda nun momento de crise económica onde se fai mais necesario o impulso da obra pública

Foto: Rocío da Igrexa (esq.), Ana Pontón e Gonzalo Castro, esta mañá en rolda de prensa na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela.

*