domingo, 20 de diciembre de 2009

O Concello entrega composteiros gratis para as vivendas participantes na ‘Compostaxe doméstica’

Preténdese propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe

O prazo de inscrición para todos aqueles que queiran participar permanecerá aberto ata o 8 de xaneiro

O Concello de Ordes, a través da concellería de Medio Ambiente, puxo en marcha xa a segunda experiencia piloto de compostaxe doméstica coa apertura do prazo de inscrición, ata o próximo 8 de xaneiro, para todos aqueles fogares que queiran participar.

Trátase dunha experiencia que xa se levara a cabo noutra edición no municipio, a través da que se entregan composteiros nas vivendas participantes co fin de propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe, reducindo paralelamente a cantidade de residuos nos contenedores xenéricos.

Segunda edición da compostaxe
Concretamente na edición pasada desta experiencia, o Concello distribuíu un total de 50 composteiros en vivendas de varias parroquias do municipio. Os resultados desta primeira experiencia fixeron pensar nesta segunda edición, dada a alta implicación cidadá, así como que se evidenciou unha progresiva diminución da presenza de residuos orgánicos no contenedor convencional, pasando dun 58,4% ao inicio da experiencia a un 21,58% seis meses despois.

En canto á calidade química do compost elaborado, a Universidade de Santiago de Compostela constatou que se trataba dun compost excelente, con valores medios que se situaban dentro da calidade das emendas para agricultura ecolóxica.

Todos aqueles que estean interesados en participar nesta nova experiencia de compostaxe doméstica poden recibir máis información e inscribirse na concellería de Medio Ambiente do Concello de Ordes, na segunda planta da Casa do Concello, ou chamando ao 981 680002, antes do 8 de xaneiro.

*