jueves, 24 de diciembre de 2009

Pontón e Castro consideran "ridículo" o suposto éxito do PP na eliminación da gratuidade dos libros de texto en Ordes

.
A deputada do BNG considera as manifestacións de María Seoane (PP) como de "insulto á intelixencia"

A deputada do BNG, Ana Pontón, e Gonzalo Castro respostaron recentemente á valoración realizada polo PP no tocante ao acceso á gratuidade dos libros de texto na comarca de Ordes.

Para Pontón, resulta “ridículo” que o PP considere un éxito a eliminación da gratuidade dos libros de texto e calificou as manifestacións da deputada do PP, María Seoane, sobre a gratuidade dos libros de texto, como “un insulto á intelixencia”.

Ana Pontón, lembrou que “co anterior sistema a totalidade do alumnado dispoñía dos libros de texto de maneira gratuita, consolidando o dereito do alumnado a ter acceso a un sistema educativo gratuíto no tramo obrigatorio.”

Ensino como servizo público
Segundo a nacionalista “fronte a esta política, que daba resposta a unha concepción do ensino como un servizo público onde todo o alumnado tiña as mesmas oportunidades e dereitos o goberno do PP decidiu eliminar este sistema, contando coa oposición de toda a comunidade educativa”.

Pontón salientou que “os datos que presenta o PP son a mostra máis evidente de que hai un retroceso neste terreo e que o alumnado beneficiado é moi inferior ao que había co anterior sistema, que era o cen por cen”.

Por outra parte, Pontón insistiu en que “é falso que este sistema sexa máis barato; ao final da lexislatura comprobarase como se van gastar máis recursos, para beneficiar a menos alumnado. Recordar que ate este ano, os galegos e galegas tiñamos a volta ao colexio máis barata de todo o Estado”.

Para Ana Pontón “estas declaracións non son máis que un intento de xustificar unha política de recorte nos servizos públicos, un insulto á intelixencia e unha evidencia da falta de sensibilidade social que está demostrando o actual goberno do PP”.

A deputada do BNG instou á Xunta a “modificar este xiro antisocial e penalizador dos servizos públicos e atender as demandas educativas da comarca de Ordes, que están aínda agardando resposta ante demandas básicas como son: ampliación de comedores escolares, eliminación de barreiras arquitectónicas ou arranxos nos centros que estaban comprometidos e que o PP decidiu paralizar.”

Castro: "Incomprensíbel neste momento de crise económica"
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, manifestou que “resulta incomprensíbel que nun momento de crise económica, o PP decida eliminar a gratuidade dos libros de texto, cargando as familias con estes gastos, mais ainda no caso do concello de Ordes, que está sufrindo un dos índices de incremento do desemprego máis altos do país”.

A deputada popular declarara ante o Parlamento de Galicia que foron beneficiados o 90,2% dos alumnos do municipio de Tordoia, o 94,9% dos de Frades, máis dun 74% de Mesía, o 77,3% dos de Ordes, o 63,2% de Oroso e o 84,3% dos de Trazo.

Foto: Ana Pontón (esquerda) e a deputada compostelá María Seoane.


*