martes, 6 de octubre de 2009

Luis Lamas visita Ordes


Regos agarda renovar o convenio coa Sociedade próximamente

Visitou hoxe do presidente de Sogama xunto a Manuel Regos e Xesús Pedreira tres das illas verdes instaladas no municipio grazas ao convenio asinado entre o Concello e Sogama

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, recibiron esta mañá ao presidente de Sogama, Luis Lamas, quen realizou unha visita ao municipio para interesarse polo desenvolvemento do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ordes e a Sociedade Galega do Medio Ambiente. Un convenio polo que Sogama se comprometeu a investir 110.000 euros en iniciativas que contribúan á conservación do patrimonio natural do municipio de Ordes.

O alcalde agradeceu a colaboración de Sogama co Concello de Ordes e “a gran receptividade do seu novo presidente”. Os representantes municipais e Lamas visitaron as tres 'illas verdes' construidas últimamente polo Concello de Ordes ao abeiro deste convenio. En concreto, a comitiva visitou as illas verdes de Lesta, Mercurín e Leira. As 'Illas verdes' son unhas instalacións conformadas por contedores para a recollida de papel, vidro, envases lixeiros e residuos orgánicos que o Concello de Ordes vai levar en todas as parroquias ao longo dos vindeiros meses. Así, ás tres instalacións visitadas hoxe hai que engadir tamén as dúas primeiras construidas en Beán e Pereira.

Restauración de tres fontes
O concelleiro de Medio Ambiente informou tamén ao presidente de Sogama do avanzado estado dos traballos de restauración de tres antigas fontes no municipio, que se están a recuperar como espazos de lecer para os veciños e veciñas destas parroquias.
Na actualidade xa está recuperada unha antiga fonte situada no Mesón do Vento, onde tamén se realizaron traballos de mellora do entorno. “Nestes momentos estamos traballando na recuperación doutras dúas fontes en Cabeza de Lobo (Ardemil) e na costa de Santa Cruz, estas últimas rematarán en breve”, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, o socialista Xesús Pedreira.

Ao abeiro deste convenio de colaboración entre o Concello de Ordes e Sogama, asinado nos últimos dous anos, téñense realizado múltiples actividades como o programa de compostaxe no rural, a sinalización da primeira ruta de sendeirismo que se creou en Ordes, a construción do parque infantil e de maiores “Pilar Martínez Viqueira”, actividades para os máis novos (como as levadas a cabo o Día da Árbore, o Día do Auga, o Día do Medio Ambiente...) ou o desenvolvemento de campañas como o reparto de 10.000 bolsas de papel para substituir ás tradicionais de plástico.
A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Desexo que poidamos renovar próximamente o convenio de colaboración entre o Concello de Ordes e Sogama xa que ademais de axudar a conservar o noso patrimonio natural e cultural, tamén está a xerar riqueza e emprego entre os nosos veciños e veciñas”

A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente
“Na instalación da illa verde de Mercurín recuperamos toda a contorna e a antiga escola unitaria da zona, e nos tres casos están ubicados en lugares céntricos da parroquia ou en enclaves que rexistran un elevado paso de veciños”
____
Fotos: Manuel Regos, alcalde de Ordes e Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente, acompañan a Luis Lamas a coñecer as 'illas verdes'.


*