Castro xustificou esta proposta aludindo a que "Sogama está cobrando ao Concello por reciclar os residuos cando non o está facendo"
Pedreira lembra que grazas ás negociacións do goberno de Ordes reduciuse nun 40 por cento o número de camións que pasan polo centro da Vila de Ordes
Regos anuncia que as obras da travesía alternativa comezarán en xaneiro de 2010 e estarán rematadas en 16 meses
O Concello de Ordes instará a Sogama a renegociar o contrato para a recollida e tratamento do lixo no termo municipal, de xeito que lle sexa de balde ao Concello de Ordes en compensación polas molestias orixinadas aos veciños e veciñas pola presenza da planta incineradora en Cerceda, nuns terreos limítrofes con Ordes. Unha renegociación que se traduciría nunha redución das taxas municipais por recollida de lixo que se lles están a cobrar aos veciños e veciñas de Ordes, un descenso proporcional ao aforro no custo do servizo.
Así o aprobou esta mañá o pleno municipal de Ordes, que debatiu esta proposta de acordo presentada polo BNG e que saíu adiante cos votos a favor do propio grupo nacionalista e do grupo de Goberno, e que contou coa abstención do Partido Popular. O concelleiro de Medio Ambiente, o socialista Xesús Pedreira, asegurou que “pedir non ten cancelas”, pero lembrou tamén que os concellos de Cerceda e Ordes son os únicos que teñen asinados convenios de colaboración con SOGAMA “dunha cuantía importante e que se están utilizando exclusivamente para actvidades medioambientais”.
Pola súa parte, Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG xustificou a súa proposta manifestando que “é inadmisíbel que Sogama estea cobrando ao Concello por reciclar os seus residuos e que en lugar de facer iso estea depositando os mesmos no vertedorio da Areosa”. Castro calificou o acordo como “a primeira medida de presión para obrigar a Sogama e á Xunta a reciclar os residuos e a descentralizar o seu tratamento, xa que non é sostíbel que todo o lixo de Galiza veña a tratarse á planta de Cerceda”.
¿Correrá perigo o convenio de Ordes con Sogama por esta decisión do Pleno?
Pedreira lembrou que o convenio asinado para este ano está a permitir a instalación de illas verdes nas distintas parroquias de Ordes, a recuperación de varias fontes (como as do Mesón do Vento, Santa Cruz de Montaos e Cabeza de Lobo) ou a organización de campañas de sensibilización “que axudan a ter un Ordes máis sostible porque se contribúen a que a xente poida reciclar ben, tamén reduciremos a cantidade de lixo que producimos e non só será bo para o medio ambiente, senón tamén para as arcas municipais”.
Ademais, Xesús Pedreira lembrou tanto a PP como a BNG que grazas ao traballo realizado polo Grupo de Goberno “reduciuse nun 40% o número de camións de Sogama que pasan polo centro de Ordes e os veciños isto o saben e o ven todos os días, como tamén saben que resolvemos os problemas que se producían con eles na rúa do Recreo, onde se producían verquidos pola forte pendente que tiñan que sufrir os vehículos”.
Así mesmo, o concelleiro de Medio Ambiente confirmoulle a Teodosio Martino que o Concello de Ordes xa está personado na causa contra Sogama polo tema dos verquidos contaminantes no río Lengüelle, que nestes momentos estase en pleno proceso e que en breve disporá de toda a información.
OK ao desenvolvemento da lei contra a violencia de xénero
O outro punto da orde do día, unha moción do BNG que insta á Xunta a desenvolver a Lei 11/2007, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero tamén saíu adiante grazas aos votos de BNG e grupo de Goberno. A pesares de amosar o seu rexeitamento á violencia de xénero, o PP abstívose neste punto ao considerar que se trataba dunha moción que ía dirixida contra o Partido Popular.
Esta moción foi presentada pola concelleira do BNG de Ordes, María Xosé Raña, quen manifestou que “a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres e a manifestación máis clara da desigualdade, un indicador de que queda moito traballo para erradicar a discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria”.
Raña agradeceu o apoio da corporación e salientou que “o silencio do goberno galego nos preocupa, pois a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, que ten que materializarse na mobilización de recursos e no cumprimento das disposicións legais vixentes nesta materia.”
Rolda este, para xaneiro de 2010
No turno de rogos e preguntas, o alcalde de Ordes, Manuel Regos, confirmou que as obras de construción da travesía alternativa de Ordes iniciaranse en xaneiro de 2010 “e agardamos que estén finalizadas nun prazo de 16 meses”. Regos Boquete explicou que o Goberno ordense asinou un novo convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para redistribuir as anualidades deste importante proxectos, que ascende a 2,2 millóns de euros.
“O convenio xa está asinado e xa está en Santiago”, explicou o alcalde ordense, quen confirmou que “o novo Goberno da Xunta pediunos que a anualidade prevista para 2009 pasase para 2010, polo que a Xunta investirá 1 millón de euros no 2010 e 1,2 millóns de euros no 2011”. Deste xeito, as obras comezarán en xaneiro de 2010, toda vez que o pleno municipal de setembro aprobara por unanimidade o texto definitivo do convenio urbanístico para a ocupación dos terreos afectados pola construción do primeiro tramo desta vía (uns 740 metros comprendidos entre a N-550 e a AC-524).
Así mesmo, o concelleiro de Urbanismo e Obras, Roberto González, explicou a preguntas do BNG que o Concello de Ordes está á espera de que a Xunta autorice as obras de ampliación da rede de sumidoiros de Reboredo e do Piñeiro ata aquelas vivendas que aínda non disfrutan deste servizo. González lembrou que estas obras están incluidas nun convenio de colaboración entre o Concello de Ordes e a Xunta de Galicia, que tamén inclúen a localidade de A Gorita e que “esperamos que a Xunta autorice pronto as obras”.
Praza de Abastos
Finalmente, o concelleiro de Industria e Comercio, Xosé Manuel Tobío, explicou que o Concello de Ordes está a investir 138.000 euros nun proxecto de mellora da praza de abastos, uns traballos que inclúen a construción dunha rampa de acceso adaptada a minusválidos, un ascensor e pequenos arranxos no edificio. Tobío explicou que “se trata de melloras menores e temos tamén unha partida nos orzamentos de 24.000 euros para facer un estudio de mercado para decidir o futuro dese edificio”.
O concelleiro de Industria e Comercio explicou que “xa cando se construíu esta praza, nos anos oitenta, non se ocuparon os postos da segunda planta, polo que xa contactamos coa asociación de comerciantes para saber cal era o seu interese e que capacidade teñen para ir aló”. Por iso anunciou que “as obras que aló se fagan terán que ir parellas á demanda real de prazas que haxa”.
Plátanos e recheos
Por último, o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, volveu a insistir en que as podas dos plátanos de Ordes se están a realizar nestas datas por estricta recomendación dos técnicos. “As podas están dirixidas por un exeñeiro técnico agrícola”, explicou Pedreira Mirás, quen criticou que “o BNG presente ano tras ano esta mesma moción. Supoño que volveremos falar dela dentro de doce meses”.
Así mesmo, Xesús Pedreira negou que o Concello de Ordes autorizara os recheos que se están efectuando en diversas parcelas do parque empresarial de Ordes. “O Seprona xa iniciou un expediente aos propietarios desas parcelas, propiedade de Xestur e de dous particulares, por eses recheos”, explicou Pedreira, “e o Concello de Ordes xa pedíu no seu momento á Consellería de Industria, se non recordo mal gobernada entón polo BNG, para que fixera un muro de contención que salvagardara a seguridade dos veciños da aldea de Esmorís”. Neste sentido, Pedreira insistiu en que “Xestur é o único responsable do que está a pasar en Esmorís”.
*