domingo, 25 de octubre de 2009

O BNG vai pedir que Sogama non lle cobre a Ordes pola recollida do lixo

.
Os nacionalistas consideran "inxusto" que os veciños paguen unhas elevadas taxas por recollida do lixo "cando a planta incineradora estalles causando graves perxuizos e molestias"

Castro pide a reducción da taxa municipal por recollida de lixo "en proporción ao aforro no custo do servizo que vai supoñer a eliminación do pago a Sogama"

O BNG de Ordes presentou unha moción que será debatida no Pleno do vindeiro martes na que insta ao goberno municipal a solicitar de xeito inmediato a Sogama a renegociación do contrato para a recollida e tratamento do lixo co Concello de Ordes, estabelecendo o mesmo como gratuito, en compensación polas molestias e os perxuizos orixinados aos veciños deste Concello pola planta incineradora.

Así mesmo, os nacionalistas instan ao goberno a reducir as taxas municipais por recollida de lixo que se están cobrando aos veciños, en proporción ao aforro no custo do servizo que vai supoñer a eliminación do pago a Sogama.

Ademais, segundo Castro, “o cobro por parte de Sogama pola recollida e tratamento do lixo de Ordes tamén resulta inxustificado se temos en conta a proximidade do Concello coa planta, o que reduce substancialmente o custo do transporte do lixo á mesma”.
.
"Un auténtico agravio a Ordes"
O portavoz nacionalista incidiu en que “o BNG agarda que todos os grupos políticos apoien esta proposta, xa que os veciños de Ordes non deben soportar máis tempo esta situación, que supón un auténtico agravio a un pobo que está a sufrir as molestias da existencia dunha planta de tratamento de residuos sen recibir compensación de ningún tipo”.

Finalmente, Castro criticou que “desde o punto de vista ambiental, Sogama insiste na incineración dos resíduos sólidos urbanos co fin da valorización enerxética dos mesmos, sen ter en conta outros princípios reitores no tratamento do lixo de maior importancia ecolóxica, como a reducción, reutilización directa e reciclaxe de resíduos, a compostaxe, e a proximidade no tratamento, que ademais de supór un modelo de xestión máis sostíbel ambientalmente, traduciriase nunha contención de custos.”
.
A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG
“Resulta inadmisíbel que ademáis de ter que sufrir estas molestias e perxuizos, os veciños teñan soportado unha considerábel subida das taxas por recollida do lixo nos últimos anos, chegando mesmo a duplicarse nalgúns casos”
_____

Foto: Un camión de Sogama atraviesa o centro da vila de Ordes.


*