martes, 20 de octubre de 2009

A Mancomunidade saca a concurso o servizo de axuda a domicilio

.
O contrato ten un importe de 332.000 euros anuais e as empresas interesadas deberán presentar ofertas antes de 15 días

Actualmente son 57 os veciños e veciñas de Frades, Ordes e Oroso usuarios deste servizo de axuda no fogar

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe o anuncio do procedemento aberto para a adxudicación do servizo de axuda a domicilio na Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes . Un contrato que terá un ano de duración, prorrogable ata un máximo de catro anos, e por un importe de 332.710 euros/ano (IVE excluido).

O prazo de presentación de ofertas remata aos quince días naturais contados a partir do seguinte á publicación do edicto, é dicir, o vindeiro mércores 4 de novembro. As propostas deberán presentarse no Rexistro Xeral da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, situada na rúa Alfonso Senra (Ordes), en horario de 10:00 a 14:00 horas. Máis información e recollida de documentación na propia sede da Mancomunidade, situada nos baixos da Casa do Concello de Ordes, ou a través do teléfono 981 68 01 57.
Para veciños que estean en situacións delicadas
Un total de 57 veciños e veciñas dos municipios de Frades, Oroso e Ordes benefícianse na actualidade do servizo de axuda a domiclio. O pasado mes de xullo aprobouse unha modificación das ordenanzas e das taxas deste servizo, un programa que ten como obxecto prestarlles un conxunto de atencións aos veciños que estén en situacións nas que teñen limitada a súa autonomía persoal ou en casos de desintegración familiar.

Un servizo que inclúe atencións de carácter persoal na realización das actividades da vida diaria tales coma asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, contro do réxime alimentario e axuda para alimentarse (se fose preciso), supervisión das rutinas de administración dos medicamentos prescritos polos médicos, apoios para cambios posturais...

As frases de Miguel Prado, presidente da Mancomunidade
"Grazas a esta modificación, os usuarios gozarán dunha importante mellora do servizo, xa que se prestará dous días máis á semana e se inclúen tamén os festivos”

“A Mancomunidade de Ordes está a facer un esforzo moi grande, incrementando as súas aportacións ao programa, para que supoña un abaratamento do prezo final que teñen que pagar os usuarios”

*