.
Repartiranse uns informativos en todos os fogares de Ordes con sinxelos consellos para reducir a produción de residuos
Manuel Regos: "Con pequenos xestos diarios, podemos contribuir entre todos a minimizar a xeración de residuos urbanos"
O Concello de Ordes e Sogama puxeron en marcha esta mañá a campaña 'Reduce residuos, aforra recursos', coa que “pretendemos concienciar aos veciños e veciñas de Ordes que, con pequenos xestos diarios, podemos contribuir entre todos a minimizar a xeración de residuos urbanos”, explica o alcalde ordense, Manuel Regos. Unha campaña informativa que foi presentada esta mañá polo propio alcalde ordense; polo concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira; e polo presidente de Sogama, Luis Lamas.
Xesús Pedreira adianta que “esta campaña chegará a todos os fogares ordenses xa que é moi importante concienciar á xente da importancia de como cun consumo responsable podemos minimizar a xeración de residuos, logrando non só importantes beneficios ambientais senón tamén económicos e sociais”.
Un punto no que incidiu Luis Lamas, quen asegurou que “a sociedade na que estamos nos leva ás veces a un consumo pouco responsable e, se non empezamos por corrixir iso, ninguén vai ser capaz despois de xestionar todo ese lixo, nin Sogama, nin a Consellería, nin os concellos. Primeiro hai que ter un consumo responsable, despois falaremos de reciclar, compostaxe, valorizar, etc”.
Froito do convenio de Ordes con Sogama
Xesús Pedreira agradeceu a colaboración de Sogama co Concello de Ordes na posta en marcha da campaña “Reduce residuos: aforra recursos”, unha das moitas iniciativas froito do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades. “Hai moitos malpensados que pensan que eses convenios agochan algo, pero non é así”, explicou Pedreira Mirás, “eses convenios supoñen ter recursos para investir en medioambiente e poder levar a cabo este tipo de programas e todo tipo de actuacións de recuperacion medioambiental”.
Información en imaxes
O folleto informativo que comezará a chegar ás casas de Ordes a partires da vindeira semana consta de catro páxinas con sinxelos consellos para reducir a produción de residuos tanto na compra (apostando por un consumo responsable) como na oficina, nos centros educativos e no fogar. Uns folletos deseñados dun xeito moi visual, cun gran número de fotografías que explican de xeito gráfico cales son os comportamentos correctos.
Que consellos nos da a campaña?
1. Merca artigos que estean mínimamente envoltos
2. Pídelle ao dependente que non empaquete os productos nos que non sexa necesario
3. Leva un carro de compra (para substitutir ás bolsas de plástico)
4. Merca artigos reutilizables (botellas e tarros de vidro)
5. Merca en grandes cantidades para reducir a cantidade de embalaxes
6. Rexeita os consumibles envasados en bandeixas de plástico (carnes, froitas e verduras) e adquirir os mesmos artigos sen empaquetar xa que “o envoltorio non forma parte do produto que adquirimos e remata por converterse nun residuo do que nos libramos inmediatamente”.
7. Non desaproveites o papel, prioriza os materiais con recambio e usa papel reciclado sempre que se poda.
8. Adquire pilas recargables en lugar das convencionais
9. Usa trapos de cociña en lugar de rolos de papel
10. Doa aos máis necesitados aquelas cousas que xa non usen os membros da familia xa que “con moi pouco podes facer máis doada a vida doutros”.
_________
Foto: Xesús Pedreira (esq.), Manuel Regos e Luis Lamas.
*