sábado, 17 de octubre de 2009

Pedreira: "As posibilidades de curar o cancro de mama dependen da precocidade no diagnóstico"

.
O Concello de Ordes conmemorará este luns o Día Nacional contra o Cancro de Mama cunha campaña informativa e preventiva sobre esta doenza que terá lugar ao longo de cinco días: do 19 ao 23 de outubro

Colaborará coa concellería de Sanidade, Emilia Vázquez, presidenta de AECC Ordes; e Jacobo Laya, responsable do centro de saúde

O obxectivo é que os veciños e veciñas se conciencien da importancia que ten a prevención temprana desta enfermidade

Así, durante todas as mañás, entre o 19 e o 23 de outubro, o Centro de Saúde de Ordes acollerá unha mesa informativa onde se resolverán todas as dúbidas das persoas que se acheguen por esta instalación sanitaria. Ademais, o venres 23 de outubro, ás 20:30 horas, a Casa da Cultura de Ordes acollerá unha charla sobre como previr o cancro de mama. Unha charla que este ano impartirá Marcos Calvo Martínez, psicólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, e que tradicionalmente é unha das que máis público reúne de cantas se celebran anualmente en Ordes. De feito, nas dúas últimas edicións o auditorio da Casa da Cultura mesmo se quedou pequeno para albergar a tantos asistentes.

Estas actividades están organizadas pola Concellería de Sanidade, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro (AECC) e o Centro de Saúde de Ordes. Xesús Pedreira agradece “a gran e sempre boa predisposición a colaborar neste tipo de campañas por parte da presidenta en Ordes da AECC, Emilia Vázquez Pardo, e o responsable do centro de saúde de Ordes, Jacobo Laya”.

As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Sanidade
“O noso obxectivo con esta campaña é que os veciños e veciñas de Ordes se conciencien da importancia que ten a prevención temprana desta enfermidade

A detección temprana é a mellor prevención, pois o cancro de mama é unha das poucas enfermidades cancerosas que se poden diagnosticar precozmente, é dicir, antes de que se note ningún síntoma”

Xesús Pedreira Mirás, ademais de tenente de alcalde de Ordes e concelleiro delegado de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade dende maio de 2007, é Diplomado en Enfermería. É especialista en Análisis Clínicos no CHUS (Santiago de Compostela) e Presidente da Asociación Española de Enfermería (EAC). Foi presidente do Colexio de Enfermería de A Coruña, e é ademáis Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais e Experto universitario en Xestión de Residuos pola Universidade de Cádiz.

*