.
Poderán solicitar data na concellería de Medio Ambiente para albergar os contenedores de recollida destes materiais reciclables
Máis do 90 por cento dos compoñentes dun teléfono móbil son reciclables
O Concello de Ordes vén de informarlles aos distintos centros educativos do municipio de que xa está aberto o prazo de solicitude dos contenedores de recollida de residuos de telefonía móbil e CD´s/DVD´s, nos que Ordes participa dende principios de 2009 a través do programa 'Ordes Recicla'.
Deste xeito, os centros educativos ordenses deberán dirixirse nos vindeiros días á concellería de Medio Ambiente para reservar a data que desexen. De feito, durante a pasada primaveira, o Concello de Ordes xa levou de xeito experimental algúns destes contenedores a centros educativos como o do Mesón do Vento, e o resultado foi moi satisfactorio.
Tragamóvil e Cederika
Ordes foi o primeiro concello da provincia da Coruña que instalou dous contedores para a reciclaxe de móbiles, mp3, PDA´s e accesorios de telefonía. Un deles está permanentemente na entrada da casa consistorial, mentras que o segundo será o que rote polos colexios e institutos de Ordes. Estes contedores forman parte da campaña Tragamóvil, posta en marcha pola Asociación Multisectorial de Empresas Españolas de Electrónica y Comunicaciones (ASIMELEC), cuxo obxectivo é recoller de forma selectiva este tipo de residuos e aproveitar os compoñentes dos mesmos. De feito, máis do 90 por cento dos compoñentes dun teléfono móbil son reciclables (cobre, aluminio, ferro, plástico) e, ademais, evítase o verquido das baterías ao medio ambiente.
A frase de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente
“A idea é que os centros de ensinanza de Ordes alberguen de xeito provisional nas súas instalacións os contenedores de recollida, de xeito que tanto alumnos como profesores poidan participar nestas iniciativas de fomento da reciclaxe”
____
Foto: Campaña de reciclaxe de móbiles no Mesón do Vento
*