viernes, 30 de octubre de 2009

O BNG emenda os Orzamentos do Estado para incrementar tres millóns de euros o investimento destinado á circunvalación para o 2010

.
Castro realizou este anuncio nunha reunión cos veciños onde se informou dos proxectos da Circunvalación e da Ronda Este

Gonzalo Castro anunciou na reunión mantida cos veciños de Ordes para informar dos proxectos da Circunvalación e da Ronda Este que o BNG acaba de presentar unha emenda aos Orzamentos do Estado para o 2010, na que se propón aumentar en tres millóns de euros a cantidade prevista para a circunvalación da N-550 en Ordes.

Segundo informou o portavoz nacionalista aos veciños asistentes ao acto informativo, o proxecto dos orzamentos estatais para o 2010 só contempla unha partida de 10.000 euros para a circunvalación, o que, segundo Castro, representa «unha cantidade insignificante para un proxecto que ten un orzamento total de 78 millóns de euros».

En opinión de Gonzalo Castro, a partida destinada á circunvalación de Ordes no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o 2010 «máis que un impulso significa un freo para o avance na tramitación dun proxecto que ten unha enorme repercusión na calidade de vida dos veciños de Ordes».

Por esta razón, segundo a información facilitada polo portavoz nacionalista, o BNG ven de presentar unha emenda ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o 2010, na que propón aumentar a partida dos 10.000 euros, aprobada polo Goberno Central, a 3 millóns de euros, coa intención de “impulsar e acelerar a tramitación dunha infraestructura moi necesaria”, segundo Gonzalo Castro.

Por outra banda, Castro agradeceu o apoio dos veciños e veciñas de Ordes a mobilización para o desvío do tráfico de camións de Sogama que con máis de tres mil sinaturas recollidas en apoio da mesma, que teñen conseguido que se avance na construcción dunha ronda alternativa para o tráfico dos camións de Sogama, “sen o voso apoio non sería posíbel”, enfatizou o portavoz nacionalista.

Polémica nos trazados das infraestructuras
Na reunión, os veciños amosaron ao BNG a súa preocupación por distintos aspectos relacionados co trazado proxectado tanto para Circunvalación como para a Ronda Este.

No tocante á circunvalación os veciños das parroquias afectadas polo paso da mesma, manifestaron a súa oposición a que se construa unha autovía en lugar dunha estrada convencional, xa que iso vai ocasionar o aillamento dunha ampla zona do Concello, que iría desde Montaos a Buscás, pasando por Pereira e Poulo.

Neste punto, desde o BNG, Gonzalo Castro comprometeuse a solicitar ao Ministerio que “se leve adiante un proxecto de circunvalación que sexa realista, executábel, e que permita resolver o problema do colapso circulatorio en Ordes co menor impacto posíbel nas zonas polas que discurra, atendendo as suxerencias que se realicen polos veciños con esta finalidade”.

Por outra banda, empresarios do Polígono Industrial, manifestaron a súa oposición a que a Ronda Este só teña proxectada unha saída no Poligono Industrial en dirección á Coruña, xa que ocasionaríase un colapso circulatorio no mesmo e graves problemas de seguridade vial.

Neste punto, Gonzalo Castro comprometeuse a defender a prolongación da Ronda Este até o Cano de Leira, para que, ademáis da saida no Polígono, exista outra saída á N-550, co obxecto de evitar o colapso circulatorio no mesmo, xa que, segundo o portavoz nacionalista “esta importante e necesaria infraestructura debe executarse coa máxima celeridade e buscando o benestar de todos os veciños do noso Concello”.
_________

Foto: Acto informativo do BNG de Ordes cun grupo de veciños o pasado mércores.

*