martes, 6 de octubre de 2009

O BNG vai pedir máis cartos en Madrid para a circunvalación

.
Os nacionalistas consideran de "inaceptábel" a partida de 10.000 euros contemplada no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010

Castro: "Representa unha cantidade insignificante para un proxecto que ten un orzamento total de 78 millóns de euros"

Segundo informou esta tarde o BNG ordense, o proxecto dos orzamentos estatais para o 2010 contempla unha partida de "só 10.000 euros" destinada á circunvalación de Ordes, unha cantidade, a xuízo de Gonzalo Castro, "insignificante para un proxecto que ten un orzamento total de 78 millóns de euros". Máis que un impulso, asegura, "significa un freo para o avance na tramitación dun proxecto que ten unha enorme repercusión na calidade de vida dúas cidadáns de Ordes".


Para o BNG, esa escasa atención de Madrid á variante pon de manifesto «a falta de vontade política do Goberno central» á hora de levar adiante unha infraestrutura convertida nunha reivindicación histórica dos veciños de Ordes.

Foron 50.000 euros nos PXE de 2009
Esta situación non é nova, segundo Gonzalo Castro, quen lembrou que o proxecto de orzamentos do Estado para o 2009 incluíu inicialmente unha partida de 50.000 euros para a circunvalación. Unha emenda aos orzamentos presentada polo BNG no Congreso logrou que a situación se vise corrixida e se engrosase substancialmente a partida destinada a este proxecto viario. A emenda aprobada aumentou a 550.000 euros a partida para o exercicio vixente, o que permitiu a publicación do Estudo Informativo o pasado mes de xullo.

O portavoz nacionalista anunciou que, coa finalidade de que non se consolide no próximo exercicio a cantidade orzamentada de 10.000 euros, os deputados do BNG no Congreso presentarán de novo unha emenda ao Orzamentos para que se incremente substancialmente a partida destinada á circunvalación, incidindo na vital importancia da variante para o futuro de Ordes e a calidade de vida dos seus veciños.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz de BNG de Ordes
"O Ministerio debe levar adiante un proxecto de variante que sexa realista, executábel, e que permita resolver o problema do colapso circulatorio en Ordes co menor impacto posíbel nas zonas polas que discurra, atendendo as suxerencias que se realicen polos veciños con esta finalidade”
____

Foto: Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes.


*