miércoles, 8 de abril de 2009

Unanimidade do Pleno no forestal, pero non en comunicación e estradas


Haberá que pedir permiso e avalar as talas conforme á lei de prevención de lumes forestais

Os plenos ordinario se celebrarán os últimos martes de mes

Recouso califica de "nefasta" a xestión de Radio Ordes

O goberno rexeita a proposta do BNG de prolongar o desvío do polígono ata Leira

O Pleno municipal do pasado luns 6 de abril aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza de pratacións e repoboacións forestais no municipio, que se adapta á nova lei de prevención de lumes forestais. Tamén o pleno acordou trasladar as datas de celebración das súas sesións ordinarias ao último martes de cada mes, a diferencia de como agora que se celebraban nas mañáns dos últimos luns de cada mes.

Segundo informa o goberno municipal, o cambio saíu adiante cos nove votos do grupo de Goberno e os catro do PP. Os dous edís do BNG abstivéronse na votación ao non ser atendida a súa petición de cambio do horario das sesións para as tardes.

Radio Ordes
No turno de rogos e preguntas, o debate xirou en torno á situación de Radio Ordes, xa que tanto BNG como PP presentaron rogos e preguntas sobre o seu funcionamento. O voceiro municipal e subdirector de Radio Ordes, Manuel Astray, explicou que Radio Ordes está dirixida polo xornalista Pablo Quinteiro, “elixido por un concurso de méritos” e que conta con diversos colaboradores que permiten o mantemento da programación. Astray anunciou a contratación doutro técnico e a un estudiante cunha bolsa de estudios, xa que, segundo o concelleiro, "necesitamos contar con dúas ou tres persoas na radio”.

Rolda de circunvalación
Por último, o Grupo de Goberno desestimou un rogo do BNG pedindo, por segunda vez, que a rolda de circunvalación de Ordes se prolongue ata o Cano de Leira e non ata o polígono industrial, tal e como se contempla no convenio asinado polo Concello de Ordes e a Xunta de Galicia. O concelleiro de Obras, Roberto González, explicou que “o Concello pedíu unha estrada de titularidade municipal e a Xunta atendeu a nosa proposta, que imos facer como está”.

Gonzalo Castro xustificou a proposta do BNG ao sinalar que “no proxecto que o Goberno Municipal propuxo inicialmente, só se contempla unha saída no polígono industrial”, o que provocará, a xuizo do nacionalista “un colapso circulatorio no polígono debido continuo paso de camións polo mesmo”. Castro reiterou que só se trataría de ampliar en 800 metros a vía proposta, para dar a posibilidade de sair na N-550, á altura de Leira, ao tráfico que utilice o desvío. Asimesmo, indicou que o desvío "é de titularidade municipal, polo que non ofrece ningunha dificultade amplialo".

A frase de Xesús Pedreira, tenente de alcalde
"A partir de agora será obrigatorio pedir permiso no Concello e por un aval previo ás talas, uns cartos dos que se pagará o coste dos posibles desperfectos que se poidan causar na vía"

A frase de Manuel Astray, portavoz do goberno
"As sesións ordinarias dos plenos agora se trasladan ao último martes de cada mes por unha cuestión operativa tanto para o grupo de Goberno como para a oposición, así podemos xuntarnos os luns despois da fin de semana para preparar mellor os plenos"

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG
"O goberno municipal de Ordes debe ampliar o trazado da vía alternativa para o desvio do paso de camións polo centro de Ordes, realizando unha prolongación na que se introduza unha saída na N-550 á altura de Leira"

A frase de Ramiro Recouso, concelleiro do BNG
"A xestión da radio municipal é nefasta, como o demostra o feito de que só conte con dúas horas de programación propia"


Foto: Sesión plenaria da Corporación Municipal de Ordes (Arquivo).
*