A Comisión de Urbanismo do Concello dictaminou positivamente as alegacións dos veciños no tocante á recalificación do parque municipal 'Felix Rodríguez de la Fuente'. Segundo o BNG ordense, "a proposta de acordo que se debatirá no vindeiro Pleno Municipal incluirá a estimación das alegacións dos veciños". O Pleno, que se celebrará o vindeiro martes 7 de abril, procederá na súa consecuencia "á paralización do procedemento de recalificación do espazo do parque municipal como solo urbanísitico", segundo informa Gonzalo Castro.
A complexidade do expediente, que tamén incluía as obras de ampliación e mellora da Casa do Concello, obrigou ao Goberno municipal a rexeitar, segundo o lider nacionalista, "as alegacións veciñais que solicitaban a paralización da recalificación como urbanísticos dos terreos destinados á obra de ampliación do Concello".
Reformular o proxecto de ampliación
A este respecto, Castro salientou que “o BNG apoia a integridade das alegacións dos veciños e espera que o goberno municipal rectifique e atenda as mesmas tamén neste aspecto, reformulando o proxecto de ampliación do Concello, xa que se pode afrontar a mesma de forma menos custosa e sen ocupar un grande espazo público”.
"O BNG felicita aos veciños de Ordes polo éxito conseguido na súa campaña para evitar que o parque municipal acabe sendo clasificado como urbanizábel"
"O BNG opúxose desde o primeiro momento á recalificación como urbanísitico do principal espazo de esparcemento e lecer que existe no centro de Ordes e apoiou a campaña desenvolvida polos veciños de Ordes contra a recalificación do parque"
"O Goberno Municipal debe facer caso aos veciños e rectificar o proxecto de ampliación do Concello, para non volver a repetir o erro que cometeu coa ampliación da Alameda, que ten suprimido innecesariamente máis de 70 prazas de aparcamento, deixando inutilizábel un importante espazo público no centro de Ordes"
*