sábado, 18 de abril de 2009

O Concello edita unha Guía de Recursos Sociais

Dirixido especialmente a discapacitados e as súas familias, que en Ordes chegan ás 1.000 persoas

Medio cento de veciños e veciñas asistiron a unha charla-coloquio sobre axudas para discapacitados ou dependentes e valoración de minusvalías, que tivo lugar na noite de onte na Casa da Cultura . Unha xornada patrocinada pola Concellería da Discapacidade de Ordes e organizada pola Asociación de Discapacitados de Ordes e Comarca (Adiscordes), que agasarallon a todos os asistentes cunha Guía de Recursos Sociais.

Unha guía editada polo Concello de Ordes
Esta guía, elaborada por Nelia Bruña Sánchez, traballadora social de ASEM Galicia, foi editada polo Concello de Ordes e Adiscordes para informar sobre os recursos sociais existentes para os discapacitados e dependentes dun xeito resumido e doado de manexar. De feito, a guía está organizada de xeito esquemático: nome do recurso, definición, requisitos para optar a el e información complementaria.

Uns aspectos que foron presentados durante a charla ofrecida por Adela Poisa Baños, terapeuta ocupacional e responsable de Política Social de CCOO Galicia; e María Xesús García Raposo, traballadora social e técnica da secretaría de Política Social de CC.OO. Galicia. Ambas insistiron na importancia da existencia dunha lei coma a Lei de Dependencia pero tamén denunciaron que se están a producir demasiados retrasos na súa aplicación.

A frase de Ana María Alvarez, concelleira de Asuntos Sociais de Ordes
"Ordes foi o primeiro municipio de Galicia en contar cunha Concellería adicada aos discapacitados, un colectivo que en Ordes se achega ás 1.000 persoas"


*