Xesús Pedreira: "Os veciños e veciñas de Ordes evitaron a contaminación de 780.000 litros de auga ou a emisión de máis dunha tonelada de CO2 á atmosfera”
Os veciños e veciñas de Ordes reciclaron un total de 780 litros de aceite de cociña usado no primeiro trimestre do ano, dacordo cos datos ofrecidos ao Concello de Ordes pola empresa División Verde, encargada do baleirado dos contedores para o seu tratamento. Neste sentido, compre lembrar que un litro de aceite usado pode chegar a contaminar ata 1.000 litros de auga ou emitir á atmosfera 1,32 quilos de CO2.
Os seis contenedores se usan por igual
Así mesmo, durante estes tres primeiros meses do ano constatouse que os seis contedores instalados no municipio son utilizados case por igual polos veciños de Ordes. De feito, o contedor instalado no Campo da Feira, que non fora utilizado durante o primeiro mes de inicio da campaña, está a ser un dos máis empregados na actualidade.
Unha campaña informativa levada a cabo polo Concello de Ordes, dentro do programa “Ordes Recicla”, e que conseguir transmitirlle aos veciños a importancia da súa colaboración, xa que o 80% do volume total deste tipo de residuos é xerado en domicilios particulares, quedando o 20% restante para a hostalería e a industria.
Onde están os contenedores?
Hai seis en total. Un na Alameda, na rúa do Recreo, na rúa Alfonso Senra, no Paraíso e dous máis no Campo da Feira. Cada un destes recipientes de aceiro ten unha capacidade para recoller 180 litros de aceite de cociña usado.
As frases de Xesús Pedreira, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente
"É unha gran satisfacción o nivel de resposta por parte dos veciños e veciñas de Ordes, que permitiu reducir tanto a contaminación das nosas augas como da nosa atmosfera”
"Os veciños e veciñas de Ordes evitaron a contaminación de 780.000 litros de auga ou a emisión de máis dunha tonelada de CO2 á atmosfera”
*